DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha carta enviada hoxe a Núñez Feijóo

O Departamento de Filoloxía Galega e Latina solicita ao presidente da Xunta que rectifique o seu comportamento cara á lingua

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 11/06/2009

Os profesores do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade, por acordo do Consello de Departamento, enviaron hoxe ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, unha carta para manifestarlle a “a súa enorme preocupación perante as actuacións que o goberno da Xunta de Galicia ten sobre a lingua galega”.
Os 23 profesores que compoñen este departamento acordaron enviar o escrito “porque vemos con fonda preocupación como, por primeira vez na historia da democracia, un goberno galego se propón lexislar en contra da lingua propia e natural do país que goberna”, salientou a catedrática Camiño Noia, directora do departamento e asinante do escrito.
O obxectivo destes docentes é “facer un chamamento á cordura do goberno da Xunta” e pedirlle que rectifique o seu comportamento cara á lingua, “pois somos conscientes de que unha lingua só vivirá se a empregamos e esiximos a súa protección mediante o uso escolar e administrativo, xa sexa de forma oral ou escrita”, subliña Noia.

Lamentan a adopción de medidas “socialmente moi negativas”

Como exemplos das diferentes decisións adoptadas polo goberno da Xunta en contra da lingua galega, os docentes sinalan a supresión da proba en galego para acceder á administración, un aspecto que consideran socialmente moi negativo, xa que “poderá dar entrada na función pública a funcionarios incompetentes para traballar en Galicia, que descoñecen unha das dúas linguas oficiais, co que o atendemento en galego non está garantido”.
Doutra banda, fan referencia tamén a situación na que vai quedar o galego no ensino non universitario “condenado a ser un adorno prescindible”. Segundo estes profesores, a consulta ás familias sen previa información nin refrendo dos profesionais do ensino e do alumnado, “resulta de dubidosa legalidade ao non contar coas garantías democráticas necesarias”.

Denuncian a creación dun conflito social inexistente

Segundo a opinión dos integrantes do Departamento de Filoloxía Galega e Latina os decretos lingüísticos do ensino elaborados polos gobernos galegos anteriores fixeron avanzar moi pouco a estima da lingua do país, “sen dúbida debido aos reiterados incumprimentos da lexislación”. Desde o seu punto de vista, o novo Goberno da Xunta “vén crear un conflito social inexistente ata agora” coas medidas regulamentadoras dos usos lingüísticos na administración e no ensino que quere adoptar e “que incrementarán con toda seguridade o número de persoas incompetentes en lingua galega”.