DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O actor Álex Angulo interveu no ciclo de cinema "O final da historia"

"A dependencia da fama é como calquera outra, fai ser déspota e logo sumiso"

Falou de cuestións de saúde como a dependencia a partir do filme "Que foi de baby Jane?"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 15/04/2010

Continúa na EU de Fisioterapia o ciclo de cinema O final da historia, que pretende xerar debate e coñecemento sobre saúde e calidade de vida a partir de argumentos cinematográficos e con convidados de ámbitos diversos. Hoxe foi a quenda do actor Álex Angulo, que partiu do filme Que fue de baby Jane? para desenvolver un encontro baixo o título O péndulo da vida. A cinta de Robert Aldrich une por primeira vez na pantalla a Bette Davis e Joan Crawford, xa no remate das súas carreiras. Interpretan a dúas irmáns dependentes a unha da outra, pero cheas de rancor pola infancia roubada como estrelas do espectáculo e polas derivas das súas traxectorias artísticas. Cinema dentro do cinema que leva a reflexionar sobre cuestións como a dependencia, os soños rotos ou a renuncia.
Álex Angulo ten participado nunha morea de longametraxes, curtametraxes e series de televisión, ao carón de directores como Enrique Urbizu, Álex de la Iglesia, Icíar Bollaín, Pedro Almodóvar, Chus Gutiérrez ou Guillermo del Toro. Segue pelexando polo seu propio soño, o de ser actor, profesión da que admite que tamén xera dependencias derivadas da fama, pero que non son peores que as de calquera outra.

Vén ao campus a falar de saúde, é un tema que lle preocupa, procura coidarse?
Claro que me preocupa e sobre todo cando sabes que te coidas pouco. Sempre tes en mente que deberías coidarte máis, pero, unha vez máis a dependencia, neste caso do traballo, fai que te coides menos. Nesta profesión, como sempre hai por medio outras persoas, fai que dependas menos de ti. Ademais, da imaxe depende tamén que te seleccionen polo que debes coidarte e sempre che parece pouco.

O filme escollido dá pé a falar das patoloxías derivadas da fama. Son os delirios de grandeza unha das peores enfermidades que pode sufrir un actor?
Os actores e toda a sociedade estamos cheos de grandes debilidades. Ser grande e caer na miseria, iso tamén é un síntoma da dependencia, aínda que neste caso sexa da fama e do éxito. É unha dependencia como calquera outra porque che fai ser déspota e logo sumiso. Podes ser un tirano e logo cando caes segues dependendo daquela fama. Por iso non creo que sexa un dos maiores problemas, nin exclusivo dos actores.

Que outros temas poden xurdir a raíz deste filme?
Hai outros temas que están moi claros. O filme saíu nos 60, cando había un boom da televisión, do cine e dos artistas. Por iso comeza xa cun espectáculo infantil para tratar a problemática dos nenos estrela. Estas actuacións son falsas porque os nenos cántanlles aos seus pais, pero a relación que teñen na realidade con eles é tiránica. O filme fala dese desaxuste que hai entre o espectáculo e a realidade, o neno estrela que logo pasa a ser un boneco roto. Desde aí pasa ás dependencias dos adultos. Aborda tamén o impacto da televisión nas persoas, todo ese glamour que nos converte tamén aos espectadores en dependentes das grandes figuras.

Ten participado nunha morea de filmes de directores recoñecidos, entre os que máis se repite é Álex de la Iglesia. Por que está relación especial?
Mantiven unha relación máis estreita con el durante as súas primeiras películas. Eu estiven ata Muertos de risa. Logo non puiden seguir traballando con el porque fun elixindo outros traballos, non porque non queira seguir con el senón porque non puidemos coincidir. As súas historias sempre me pareceron moi interesantes e moi modernas e por iso digo que si cada vez que me chama. É unha persoa con talento.

Que historias lle interesan agora?
Nestes momentos probablemente calquera, porque non é un momento marabilloso para min. Tamén teño que dicir que trato de elixir os proxectos, non por ter algunhas dificultades aceptas todo. Interésame sobre todo seguir aprendendo e por iso me resulta atractiva a moda que está saíndo agora de series de época. Apeteceríame traballar niso porque é algo que non o coñezo.

Hai algún filme ou algunha personaxe dos que ten feito que lle deixara un pouso especial?
El día de la bestia marcoume moito na vida e na dirección que tomei logo porque ata entón só facía teatro. Tamén porque me deu a oportunidade de lanzarme a facer un protagonista e non ter medo a fracasar. Marca unha época porque cres que foi un éxito, pero de todas formas, creo que todas as cousas que fas na vida te marcan no tempo. Cada temporada deixa un pouso en diferentes puntos da pel.

En que proxectos está embarcado agora?
Estou nun proxecto para Antena 3 dunha telemovie de varios capítulos sobre Felipe II e a princesa de Éboli, con Belén Rueda e Eduard Fernández. Hai algúns proxectos tamén de teatro con Josep María Flotats sobre o século XVI, pero aínda está en conversas.