DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus de Pontevedra presentou un plan para a integración dos criterios de sostib

Deporte e conciencia medioambiental para un 'Pavillón Verde'

O proxecto para a instalación deportiva está integrado na liña de accións do programa 'Green Campus'

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
B. Vega DUVI 21/03/2014

“A conexión do mundo do deporte coa conciencia medioambiental está ligado dun modo especial no campus de Pontevedra” afirmaba Antonia Blanco, vicerreitora do campus da cidade, está mañá na presentación do programa Pavillón Verde: Deporte Sostible no campus de Pontevedra. E esta iniciativa é boa mostra. Co título Xestionando hoxe os recursos das vindeiras xeracións, o proxecto busca deixar patente o traballo que se ven realizando na Vicerreitoría acorde coa filosofía da construcción e adaptación de edificios para o aforro e a eficiencia enerxética e a política de sustentabilidade.

O proxecto inclúe cinco propostas de acción sobre a xestión das instalacións do pavillón universitario de Pontevedra. Para definir as liñas de actuación “realizouse unha análise sobre os espazos, consumos e emisións durante o curso 2012-2013” indica Antonia Blanco. Desta análise resultaron un total de 18 propostas entre as que seleccionaron as cinco que se levarán a cabo durante o presente ano. Para isto non só tiveron en conta os datos, senón que “se realizou unha enquisa entre os usuarios e usuarias das instalacións que resultou determinante para a priorización das actuacións” engade Saleta González, consultora de desenvolvemento sostible en Equilátero, que presentou o programa coa vicerreitora.

Este é un dos primeiros programas, xunto con Tangram e Constrúe en verde, realizados en concordancia cos obxectivos do Green Campus e “que superan os requisitos e expectativas para a concesión da bandeira verde ao campus”, subliña a vicerreitora. Blanco engade que “aquí temos unha comunidade e sobre todo un alumnado moi concienciado, é incrible a resposta que se está a recibir en cada un dos programas e aínda acabamos de comezar coa difusión”.

Dende o protocolo para eventos ata unha plantación de árbores

As cinco propostas de acción recollidas polo proxecto Pavillón verde “son as que resultaron máis demandadas na enquisa que se realizou entre os usuarios do recinto” indicaba Saleta González. Estas liñas de actuación inclúen dende a elaboración dun protocolo de implantación de sustentabilidade nos eventos deportivos que se entregará a todo aquel que utilice as instalacións para tal fin, ata a mellora na xestión dos residuos a través da instalación de novos colectores e a realización dunha campaña de formación e concienciación, pasando polo estudo da accesibilidade da construcción e o cálculo das emisións de dióxido de carbono emitidas. A quinta acción do plan ven a completar o estudo da pegada de carbono no ambiente, xa que buscará a compensación das emisións “a través dunha plantación de árbores na entrada do campus na que participarán os usuarios do pavillón” adiantou Antonia Blanco.

Dentro destas propostas é a do estudo da accesibilidade a que supón un maior reto. “Estamos xa en contacto coa ONCE para que nos axuden a facer un plan integral de acción e probablemente precisaremos de máis asociacións e especialistas que nos digan que dificultades atopan e traballar sobre elas” sinalou a vicerreitora, que transmitía a súa inquedanza neste punto xa que “non é o mesmo proxectar un novo edificio que arranxar un anterior, ás veces hai cousas sobre as que non se pode actuar”.

Microrrelatos con conciencia e premio

Para estrear a difusión do programa, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra ten proxectado un concurso de microrrelatos a través da súa páxina na rede social Facebook. A participación está aberta a todos os públicos, tan só hai que premer “me gusta” na páxina, inscribirse no formulario da aplicaicón do concurso e enviar o microrrelato de menos de 100 caracteres.

O prazo de presentación está aberto ata o 31 de marzo e durante a primeira semana de abril o xurado, composto por membros da propia vicerreitoría, do Servizo de Deportes, da OMA e da Área de Normalización Lingüística escolleran o mellor de todos, que será premiado con 600€.