DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vigo, Pontevedra e Ourense serán os escenarios das actividades en febreiro e marzo

Deporte e conciliación danse a man na segunda quenda do Plan Corresponsables 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 13/02/2023

Entre os meses de febreiro e marzo desenvolverase a segunda quenda do Plan Corresponsables, destinado a nenas e nenos de entre 6 de 16 anos, priorizando as fillas e fillos  pertencentes a familias monomarentais, monoparentais, vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados; así como fillas e fillos de persoas da comunidade universitaria. A UVigo participa nesta segunda quenda do programa, froito da colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta e as tres universidades galegas, cunha ducia de actividades, a desenvolver nos campus e noutras localizacións das provincias de Pontevedra e Ourense.

Atletismo; rugby e pádel, son as actividades de iniciación deportiva para mozos e mozas de 6 a 16 anos que se desenvolverán en Ourense; mentres que a escalada e o balonmán, serán os protagonistas en Pontevedra. Pola súa banda, a iniciación ao surf, rafting, pool cross e pool games, ademais de circuítos de aventura, son as actividades en familia con nenas e nenos ata 16 anos, que se desenvolverán na praia de Patos (Nigrán), no río Miño (Arbo), na piscina de Campolongo (Pontevedra) e en Marikina Park (Vigo), respectivamente. As persoas interesadas en participar no plan poden inscribirse a través do Campus Activo da UVigo

Así mesmo, nesta segunda quenda do Plan Corresponsables desenvolveranse dúas actividades promovidas pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra. Trátase do programa de prevención do afogamento para familias Desafógate, destinado a ANPAS de colexios e institutos de Pontevedra e Ourense co obxectivo de previr os incidentes acuáticos, no primeiro caso; e o proxecto Cos_Avós, un programa de exercicio físico e saúde interxeneracional enfocado a nenos, mozos e adultos maiores das cidades de Vigo, Pontevedra e Sanxenxo. 

Fomento da corresponsabilidade e da conciliación

Co obxectivo de promocionar a igualdade entre homes e mulleres fomentando a corresponsabilidade e favorecendo a conciliación das familias con infantes e xuventude menores de 16 anos, a Xunta e as universidades asinaron un convenio que ten como finalidade habilitar coidados a través de actividades de animación socio deportiva, eventos deportivos, obradoiros, campionatos e exhibicións. Así mesmo, tamén se poden desenvolver accións formativas sobre hábitos de vida saudables, primeiros auxilios no contexto deportivo, nutrición, violencia e igualdade no deporte, entre outros temas de interese, sempre que xeren accións e actividades orientadas a favorecer a conciliación das familias con nenos, desde un enfoque de igualdade.