DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo para formalizar a matrícula xa está aberto

Deporte, danza, cine ou contabilidade integran a oferta de cursos de verán de Extensión Cultural e de Estudantes

Desenvolveranse nos vindeiros meses de xuño, xullo e setembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 25/05/2009

Deporte, educación, saúde, cine, danza ou contabilidade. A oferta dos cursos de extensión para este verán é moi ampla e atractiva e mentres algúns repiten de anos anteriores, outros incorpóranse por primeira vez á programación. O cálculo financeiro, adestramento en ciclismo en ruta, as novas tendencias dos centros deportivos e un ciclo documental abrirán o fogo dun total de doce cursos.
Unha visión global do mercado de seguros e dos sistemas públicos e fondos de pensión será a que consigan acadar aqueles que participen do curso Normativa e cálculo financeiro actuarial dos seguros e planos de pensións, dirixido por Francisco López. Logo dunha serie de relatorios e reflexións o alumnado traballará en grupos en supostos prácticos de aplicación que se poderán realizar de forma virtual. Os centros deportivos e as sucesivas tendencias de da actividade física e do deporte son un campo que cada vez presenta unha maior demanda laboral de profesionais. Para aproximarse a este ámbito en alza chega ao campus o curso Novas tendencias nos centros deportivos, que se celebrará do 22 ao 24 de xuño na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Quen prefira o exercicio sobre as dúas rodas poderá participar nun curso específico de adestramento en ciclismo en ruta e nas mesmas datas comezará unha viaxe ao cine documental grazas a un ciclo que achegará á Casa das Campás a evolución deste xénero e conceptualizará as tendencias actuais dos discurso e da creación audiovisual.

En xullo, a vivir do conto

Investigar as posibilidades educativas da literatura infantil nas diversas áreas curriculares é o obxectivo de Vivir do conto’09, un curso dirixido por María Jesús Herrera que tamén prestará especial atención ás lendas africanas e aos sons que as acompañan. Na prevención de accidentes en centros escolares traballará a fondo o curso Medidas de autoprotección e prevención de accidentes en centros escolares e públicos que capacitará aos profesionais do ensino neste tipo de medidas e achegaralles a lexislación vixente neste campo.
Calzado e vestido cómodo e gafas e gorra para protexerse do sol... e botarse a andar. Aínda que non de calquera forma. En xullo chega ao campus o curso de Iniciación á marcha nórdica co obxectivo de difundir o Nordic Walking Técnica Alfa 247, que emprega unha técnica axeitada para tirar desta actividade numerosos beneficios para o noso corpo. A informática tamén ten espazo na oferta de cursos de Extensión para o verán. Un programa orientado á industria, arquitectura e deseño técnico, Autocad, e outro para a aprendizaxe, o ensino e a animación en dúas dimensións, 2D Cabri Geometre serán os eixos do curso Introdución aos programas de debuxo e deseño por ordenador.

Actividade física durante o embarazo e danza e arte en setembro

A coñecer os aspectos básicos do período de embarazo, do parto e da etapa posterior a el está dirixido o curso Actividade física durante o embarazo e o postparto, especialmente dirixido ao alumnado das titulacións de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Enfermaría e Fisioterapia. Antropólogas, enfermeiras, fisioterapeutas e licencias en ciencias da actividade física achegarán diferentes perspectivas a este tema.
A pintura, a escultura e o debuxo serán os compañeiros de baile da danza contemporánea no curso Máis alá da danza contemporánea que pretende achegar a historia da arte por medio dos períodos clave da historia da danza, do século XVIII ao XXI, ao mesmo tempo que reflexionar sobre a globalización deste movemento. O corpo como fonte de autocoñecemento, manifestación da creatividade, reflexo da cultura e vivenza da experiencia artística; en definitiva, O corpo como fonte de sabedoría actuará de guieiro do curso dirixido por Myriam Alvariñas que se celebrará en setembro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Nos últimos días de setembro desenvolverase o curso Fiscalidade e contabilidade das entidades non lucrativas que, dirixido por Carmen Ruiz Hidalgo, achegará unha visións práctica da xestión das fundacións. Este curso pode ser un bo complemento para os estudantes das tres titulacións da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación neste sector específico que coñecerán as ferramentas tributarias e contables para analizar a contorna xurídica e económica dun sector cada vez máis importante na sociedade.

Formalización da matrícula

A matrícula dos cursos xa pode realizarse no rexistro auxiliar da EUET Forestal onde se debe entregar a ficha de inscrición, o xustificante do pagamento e a fotocopia de credencial de bolseiro (os estudantes da Universidade teñen un 50% de desconto e os membros da comunidade un 25%). O prezo dos cursos oscila entre os 30 e os 100 euros e poden ser validados por un ou dos créditos, segundo a súa duración.