DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As conferencias durarán dende o 29 ata o 31 de outubro

Deporte, empresa e sociedade, claves do último curso de extensión universitaria do verán

Unha viaxe pola Ribeira Sacra porá o remate ás xornadas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 28/10/2008

O deporte como medio para promover o turismo é o eixo en torno o cal xirarán as conferencias do curso de extensión universitaria Deporte, empresa e sociedade: promoción turística a través do deporte. O obxectivo destas xornadas, que comezarán o mércores 29 ás 10.00 horas na aula magna do Edificio Xurídico-Empresarial, é amosar aos asistentes a importancia económica e empresarial da actividade deportiva e turística. O éxito do curso, que xa vai pola súa sexta edición, “radica no interese que ten o tema para os alumnos e na calidade dos relatores, persoas de recoñecido prestixio e de ampla experiencia no sector”, comentou Patricio Sánchez, un dos directores das xornadas e profesor da Universidade de Vigo.
Nesta ocasión o curso contará coa presenza de máis de 13 conferenciantes, que ao longo de tres días, “afondarán na relevancia económica e social do turismo e as actividades deportivas”, proseguiu Sánchez. A conferencia inaugural correrá a cargo do director xeral de turismo da Xunta de Galicia, Rubén Lois Domínguez, que vai a falar das estratexias específicas que se fan e, sobre todo, das que se van facer na nosa comunidade mesturando deporte e turismo.
No transcorrer desta primeira xornada tamén estará presente Santiago Domínguez, tenente-alcalde do Concello de Vigo, que achegará a súa experiencia sobre a presentación da candidatura de Vigo a un evento deportivo como a Universiada 2013. Por parte da Deputación de Ourense, contarán coa presenza de Ángel Cid que centrará o seu relatorio nos eventos deportivos da cidade ourensá. O protagonismo para a Universidade de Vigo chegará da man de Patricio Sánchez e Diego Sánchez, que falarán do impacto económico da realización de eventos de carácter deportivo. O día rematará cunha mesa debate na que se analizará o estado da provincia de Ourense no tocante a empresas de servizos turísticos e de deportes.

Máis conferencias

A segunda xornada fará especial fincapé no marketing turístico, aínda que se tocarán temas como a comunicación ou a economía. Para poñernos ao día na realidade turística da nosa comunidade contarán coa presenza de Xosé Manoel Merelles, xefe da área de comunicación de Turgalicia. De grande interese é, tamén, o ultimo relator da tarde, Ramón Boixadera, responsable de relacións internacionais e comunicación da Xerencia de Servizos de Deportes da Deputación de Barcelona que falará da súa experiencia nos Xogos Olímpicos.
O derradeiro día falarase do mercado de traspaso de xogadores e farase un repaso ás instalacións e infraestruturas deportivas actuais. As xornadas clausuraranse co relatorio de José Manuel Rodríguez, xerente do Instituto Ourensano de Desenrolo Económico (INORDE), que tratará a importancia do deporte como reclamo das actividades de promoción turística.
O remate final a estes tres días de conferencias porao unha ruta en catamarán polo Canón do Sil. Esta actividade práctica terá lugar o venres 31 ás 16.00 horas e nela os asistentes gozarán, de xeito gratuíto, dun percorrido pola Ribeira Sacra que inclúe o almorzo a bordo do catamarán.