DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Club Deportivo CAFyD organiza a oitava edición do seu trimaratón

Deporte como entrante do menú de Nadal

O período de inscrición estará aberto ata o vindeiro 19 de decembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 15/12/2011

Que mellor que comezar as festas de Nadal con un pouco de deporte. Esa é a oferta que propón o Club Deportivo Ciencias de la Actividad Física y Deporte, máis coñecido como CAFyD, coa celebración da oitava edición do seu trimaratón o 20 e 21 de decembro. A actividade, que se vén organizando dende a creación do equipo en 2003, ofrece 24 horas de deporte cun torneo no que se combinan tres modalidades, baloncesto, balonmán e fútbol sala. A competición disputarase no Pavillón Universitario do campus e pretende fomentar a práctica do deporte entre os máis novos, co fin de establecer hábitos de vida saudables e novas formas de ocio e lecer.

O trimaratón, aberto á participación de toda a cidadanía, proporcionará de novo un espazo de encontro concibindo o deporte como medio de unión, de igualdade e de interacción social. Como explica a organización, o torneo presenta un formato diferenciador e integrador xa que as bases obrigan a crear equipos mixtos cun máximo de 15 xogadores que se enfrontarán entre si con partidos de 10 minutos saíndo gañador aquel conxunto que acumule o maior número de vitorias nas tres modalidades. O balón botará a rodar ás 20.00 horas do próximo martes xogando ininterrompidamente ata as 16.00 horas do día seguinte.

Inscrición

Os equipos participantes poderán formalizar a súa inscrición ata o día 19 de decembro cubrindo un formulario de inscrición colgado na web e no blog oficiais do club e realizando o pago dunha cota de 30 euros.