DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arredor de 60 persoas participan cada cuadrimestre no programa 'Ponte en forma'

Deporte e medicina, man a man para pór en forma ao campus

Os seus responsables advirten da importancia da dieta e o exercicio para evitar o sobrepeso e a obes

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 10/05/2011
Achégase o verán e con el acentúase a preocupación por eses quilos de máis que non deberan estar aí ou por lucir un corpo máis en forma. Sen embargo, os milagres non existen e a preocupación non vai borrar a realidade dun día para outro. Son ben conscientes desta situación as arredor de 60 persoas que cada cuadrimestre participan no programa Ponte en forma da Área de Saúde e Deporte do campus de Ourense. Cun programa personalizado, cada un deles traballa cada semana no ximnasio do campus para mellorar a súa condición física e por conseguinte a súa saúde.

Ponte en forma é un programa formado por dúas patas. A Unidade Médica, que dirixe Juan José Crespo, especialista en Medicina da Educación Física e o Deporte, e a Unidade de Actividade Física, que leva Guillermo Santos, licenciado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte. Xuntos traballan para pór en forma aos membros da comunidade universitaria que se achegan ata eles preocupados por mellorar o seu estado físico, principalmente persoal docente e investigador de entre 40 e 60 anos.

Un programa personalizado

“O valor máis importante deste programa é que está deseñado dun xeito totalmente personalizado, adaptado ás necesidades médicas e físicas de cada persoa”, salienta Juan José Crespo. Deste xeito, cada inscrito é sometido ao empezar a unha valoración médica para coñecer a súa saúde. Despois desta análise completa, chega a quenda da Unidade de Actividade Física, que deseña para cada persoa un programa de actividades no ximnasio do campus tendo en conta as indicacións médicas.

Unha vez deseñado o programa chega o momento da parte máis difícil, levalo á práctica. Na execución os participantes son apoiados, supervisados e avaliados polos técnicos do ximnasio e os responsables das dúas unidades. “Onde máis se notan os resultados é nas persoas que acoden tres ou máis veces ao ximnasio. É necesario ser constantes para obter resultados”, salienta Santos.

Dieta e exercicio

Un dos aspectos nos que máis fincapé fan os responsables do programa durante o seu traballo é no tratamento do sobrepeso e a obesidade. “A evidencia científica é clara: a redución calórica na dieta (non maior de 500-1000 quilocalorías por día) e o incremento da actividade física son os dous piares máis importantes para perder peso”, advirte Crespo. Ademais, explica, débense evitar as dietas agresivas, os produtos de adelgazamento sen rexistro sanitario e os tratamentos de tipo estético, como a mesoterapia, “cuestionados no ámbito científico”.

Cando xa se conseguiu o peso saudable, os responsables de Ponte en forma salientan que o mellor método para mantelo é seguir alimentándose correctamente e realizar exercicio de xeito regular. “Camiñar a bo ritmo (aproximadamente 5 km/h) durante 60 minutos ao día, de cinco a sete días á semana, ou pedalear e nadar durante 20-30 minutos, de tres a cinco días por semana, pode ser unha gran axuda para obter un peso saudable”, recomenda o doutor. O obxectivo, non por estética senón por benestar, ter unhas condicións físicas axeitadas. “A olimpíada dunha persoa é facer as cousas de cada día con autonomía. E se non se coidan as condicións físicas atoparémonos cada vez máis con limitacións para a vida diaria” advirte Crespo.