DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas á colaboración entre a Asociación Down Ourense e a Vicerreitoría do campus

O deporte, un paso máis na integración social de rapaces con Síndrome de Down

Todos os xoves pola tarde realizan diferentes actividades no pavillón universitario

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 03/10/2008

Normalizar a situación das persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual a través da actividade física é o obxectivo para o que nace o Programa de Deportes que a Asociación Down Ourense, en colaboración coa Vicerreitoría do campus, vén de inaugurar. Os participantes, un total de 14 rapaces de entre 18 e 34 anos, realizarán todos os xoves pola tarde diferentes modalidades deportivas nas instalacións do pavillón universitario.
Elena Vaamonde, psicóloga e coordinadora da asociación explicou que a idea se propuxo á Vicerreitoría “porque o campus parecíamos unha contorna normalizadora e enriquecedora a nivel emocional, xa que os rapaces teñen unha idade similar á dos universitarios”. Ademais, como o obxectivo principal é favorecer a inclusión social reflectindo a realidade das persoas con Síndrome de Down, “que son persoas activas e gustan de facer as mesmas cousas que o resto da mocidade”, o deporte tiña que ter unha especial relevancia. Así, a realización dunha actividade física de xeito regular e levar unha alimentación saudable “é un fin en si mesmo para calquera, pois axuda a mellorar a forma física e a calidade de vida e a maiores, nestes casos, serve para traballar na inclusión social” matizou.
A experiencia da implantación dun programa deportivo é algo pioneiro na asociación que, aínda que xa realizaba outro tipo de actividades esporadicamente, nunca o fixera dun xeito continuo. Nesta ocasión os rapaces terán á súa disposición as instalacións do pavillón universitario para, ao longo do mes de outubro, probar varios deportes: baloncesto, tenis, bádminton e tai-chi. A partir de entón, “os monitores valorarán a actividade que máis lle gusta ao grupo e que máis de adapta a eles e comezará o seu adestramento”, explicou Elena Vaamonde.

Fomentar a autonomía nas situacións cotiás

O problema na nosa sociedade é que non estamos afeitos a ver a xente con Síndrome de Down en actividades cotiás “polo que temos unha visión pouco realista deles, pensando que son totalmente dependentes das súas familias” dixo a psicóloga. Pero o certo é que “o noso traballo consiste en normalizar a súa situación fomentando a autonomía persoal, social e en todas as áreas”. Para acadar a total normalización, o programa desenvólvese en pequenos grupos de sete persoas, en quendas quincenais “nun horario de 19.00 a 20.00 horas, despois da xornada laboral ou formativa de cadaquén, como todo o mundo”. Ademais, para enganchalos á actividade, o deporte combínase con ocio. “Despois da sesión de exercicio físico imos todos xuntos a cear de pinchos, un aliciente máis á hora de motivalos” concluíu.