DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ourense acolle II Congreso Iberoamericano de Economía do Deporte

O deporte tamén xoga no campo do desenvolvemento económico

Os presidentes dos Comités Olímpicos de España e Portugal participaron no seu acto de inauguración

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 17/06/2011
Para os millóns de espectadores que en maio viron a final da Champions entre o Manchester e o Barcelona o importante era o marcador final. Sen embargo, había en xogo outra cifra cando menos igualmente relevante. Segundo o Informe MasterCard o encontro reportou un retorno de arredor de 369 millóns de euros aos equipos participantes e á cidade que acolleu o partido. Este e outros datos foron analizados este venres na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense no II Congreso Iberoamericano de Economía do Deporte, que reúne a expertos de 31 universidades e institucións de cinco países para afondar en cuestións moi diferentes da economía do deporte. Unha economía que, en cifras do Libro Blanco do Deporte de 2007 expostas no congreso, representa na UE a 15 millóns de traballadores e ao 3,7% do PIB, uns 407.000 millóns de euros.

O congreso, organizado pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo coa colaboración do Concello de Ourense, a Secretaría Xeral para o Deporte, INORDE e a Fundación Observatorio Económico para o Deporte, foi inaugurado por Mª Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do Campus de Ourense; Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; José Antonio Fraiz, presidente do Comité Organizador; José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte da Xunta; Alejandro Blanco, presidente do Comité Olímpico Español; e José Vicente Moura, presidente do Comité Olímpico de Portugal.

O impacto da crise

“O mundo do deporte evolucionou espectacularmente nas últimas décadas e hoxe en día as vitorias son algo máis que un acontecemento deportivo, son tamén unha actividade económica”, salientou Mª Victoria Jato durante a inauguración. Un visión compartida polo presidente do Comité Olímpico de Portugal, para quen “deporte e economía están intimamente ligados e iso sabémolo ben, sobre todo os países onde agora temos problemas económicos graves”. José Vicente Moura puxo así sobre a mesa un dos temas que están centrando o desenvolvemento deste congreso, as consecuencias da crise económica no eido deportivo.

Neste senso, o presidente do Comité Olímpico Español destacou que “nun momento de crise como o actual o deporte ten resultados”, vivindo un momento de esplendor en moitas disciplinas. Sen embargo, advertiu, “ou apoiamos o investimento en deporte ou descenderán os resultados en 4 ou 6 anos”. Para exemplificar a situación Alejandro Blanco explicou como unha empresa que en 2009 patrocinaba máis de 600 eventos deportivos en 2010 só o fixo de algo máis de vinte. “Cando o goberno apoia ás empresas estas seguen investindo pero cando non teñen este apoio baixan de xeito clamoroso”, apuntou.

O secretario xeral para o Deporte da Xunta asegurou pola súa banda que “nun momento no que quebran empresas e ata estados, o deporte debe emerxer como unha grande oportunidade”. Por este motivo, José Ramón Lete avogou porque desde as administracións públicas “contemplemos o deporte como unha actividade económica e de emprego, intensifiquemos os incentivos fiscais para as empresas que invisten en eventos e repensemos o papel que debe xogar a administración no ámbito do deporte”.

Dous días de traballo

Con estas intervencións deu comezo un congreso onde se afondará en cuestións moi diversas da economía deportiva desde unha vertente investigadora. Deste xeito, nas primeiras sesións as comunicacións presentadas abordaron temas como a explotación e amortización dos campus de fútbol, o influxo da idade no valor dos clubs, os hábitos deportivos por xénero ou a eficiencia dos xogadores da liga española. O II Congreso Iberoamericano de Economía do Deporte continuará o sábado, cando será clausurado por José Antonio Fraiz, presidente do Comité Organizador; Jesús Vázquez, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, e Plácido Rodríguez, director do Observatorio Económico para o Deporte.