DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O período de matrícula para as Escolas Deportivas do campus manterase aberto ata o vindeiro 28 de se

Deporte para todos os gustos e para todos os petos

A comunidade universitaria pontevedresa decántase pola oferta de actividades integradas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijoo DUVI 21/09/2011

15 alternativas para cultivar mente e corpo. Esta é a oferta que o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo dispón para a comunidade universitaria do campus de Pontevedra, un amplo abano de Escolas Deportivas nas que investir o tempo libre para pórse en forma. Alumnado, PDI e PAS poderán inscribirse ata o 28 de setembro, “escollendo entre unha gran variedade de actividades aptas para todos os gustos e para todos os petos, dende as máis comúns como aeróbic e natación ata as máis específicas, como GAP (glúteos, abdominais e pernas) ou exercicios de defensa persoal”, explica Gustavo Loureiro, técnico do Servizo de Deportes do campus.

O obxectivo das escolas é achegar a práctica deportiva a todos os membros da comunidade universitaria, “facilitando que todo o mundo teña acceso ao exercicio grazas ao mantemento de subvencións que permiten ofrecer prezos razoables”. Trátase ademais de inculcar hábitos saudables “entre os máis novos” e fomentar a sociabilización a través do deporte “con valores como o compañeirismo, o esforzo ou o espírito de entrega”, engade Loureiro. Arredor duns 250 usuarios se inscribirán neste novo curso 2011/2012, dos cales unha porcentaxe importante acostuma escoller a oferta de paquetes de actividades “que integran natación, fitness e variedade de cursos con horarios flexibles”. Igualmente, os adestramentos máis específicos, como musculación e GAP, “teñen unha demanda importante”.

Variedade de espazos e de actividades

Nas instalacións deportivas do Pavillón Universitario do campus desenvolveranse cursos de taichí, artes marciais, pilates e aeróbic, todos os luns e mércores con prezos que roldan entre os 35 e os 55 euros. Estas actividades poden validarse por 1 crédito ECTS por cuadrimestre, sempre e cando se acredite unha asistencia mínima do 85%. Non se recoñecerán créditos por unha actividade xa cursada con anterioridade.

A outra alternativa son os ximnasios da cidade cos que a Universidade se alía para completar a oferta ofrecida no pavillón. Neste primeiro cuadrimestre a comunidade universitaria pontevedresa poderase achegar ao Centro Buda para practicar aeróbic, fitness, GAP, musculación libre ou natación; ao Ximnasio Mace Sport se se prefire kung-fu, taekwondo, musculación ou fitness e ao Centro Onsen, ao Ximnasio Ardeas ou ao de Campolongo se se opta por un paquete de actividades integrais “para facer un pouco de todo”.

Prezos e matrícula

O prazo de inscrición nas Escolas Deportivas pecharase o 28 de setembro e comezarán a súa actividade o vindeiro 3 de outubro. Interromperase o servizo dende o 23 de decembro ata o 9 de xaneiro polas vacacións de Nadal, retomando de novo a actividade ata o 11 de febreiro. Para o segundo cuadrimestre abrirase prazo de renovación e de nova matrícula para os que se queiran inscribir por primeira vez.

Para formalizar a inscrición é necesario levar cuberto o formulario xunto co xustificante de ingreso (Novacaixagalicia, Código 26, Escolas Deportivas), un xustificante de pertencer á comunidade universitaria e un cuestionario de aptitude para a actividade física. A documentación débese entregar no Servizo de Deportes do campus de Pontevedra (Pavillón Polideportivo Universitario) en horario de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas e de martes a xoves de 16.15 a 18.00 horas. Para máis información, no teléfono 986802088 ou na páxina web do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo.