DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unhas xornadas reuniron no campus de Ourense aos responsables e técnicos destes servizos

O deporte universitario dá músculo á Eurorrexión

Os participantes afondaron en como mellorar as estratexias de comunicación

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 12/06/2014
Unhas das actividades que máis une ás persoas, independentemente de calquera especificidade, é a práctica do deporte. Por este motivo, no empeño das institucións de España e Portugal por estreitar os seus lazos de unión esta faciana non podía quedar esquecida. Este mércores e xoves, responsables e técnicos dos Servizo de Deportes das universidades de Galicia e do Norte de Portugal, que atenden a preto de 145.000 usuarios, déronse cita no campus de Ourense para intercambiar boas prácticas e potenciar novas iniciativas que fomenten os hábitos de vida saudables entre a comunidade universitaria desta Eurorrexión.

Facer Europa desde o deporte

As I Xornadas de Deporte Universitario Galaico-Duriense: Estratexias para as Relacións Comunicativas en Servizos Deportivos contaron este xoves coa intervención da Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Agustín Fernández, alcalde da cidade; José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte; Rubén Lois, director da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal, e Antonio Silva, vicerreitor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, que quixeron amosar o apoio das súas institucións a esta iniciativa interrexional. “Estas xornadas son un paso máis no camiño de potenciar a nosa realidade conxunta e no traballo común por fomentar estilos de vida activos e saudables na comunidade universitaria e na cidadanía”, destacou Virxilio Rodríguez.

Neste contexto, apuntou Antonio Silva, “é moi importante que do troco de información e experiencias destas xornadas e doutras iniciativas similares saian implicacións prácticas, é dicir, proxectos de colaboración”. “Co deporte tamén facemos Europa e esta é unha oportunidade única de ir da man e de aproveitar o marco europeo para sacar adiante novas iniciativas”, engadiu José Ramón Lete, referíndose a programas como Erasmus +. Na mesma liña, Rubén Lois salientou que este tipo de accións son “un magnífico exemplo de intercambio de experiencias e unha oportunidade para entablar un maior diálogo”. Pola súa banda, Agustín Fernández, lembrando como a cidade é este ano Capital Cultural do Eixo Atlántico, fixo fincapé en que “a colaboración entre educación e deporte é fundamental” e avogou por fomentar o xogo limpo tanto no deporte como na política.

Comunicar hábitos de vida saudables e non só competicións

Durante as xornadas celebradas este mércores e xoves, os participantes intercambiaron casos de éxito levados a cabo nas súas respectivas universidades, asistiron a conferencias de especialistas sobre como mellorar a xestión da comunicación nas súas institucións e debatiron sobre necesidades e inquedanzas comúns. Por parte da Universidade de Vigo, Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes, foi o encargado de explicar cal é a estratexia de comunicación deste departamento. “O noso obxectivo é que ninguén se despiste, que o que fagamos sirva para xerar comunicacións efectivas, para facer comprender máis que a nosa contribución é importante”, apuntou Rial. A busca de oportunidades, a creatividade, a formación e a alienación do seu servizo cos valores da institución, como a internacionalización e a excelencia, foron algunhas das claves remarcadas polo responsable do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo.

Entre os casos de éxito expostos, Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense, presentou os resultados do proxecto Campus ConVida como un exemplo de iniciativa de fomento de hábitos de vida saudables entre a comunidade universitaria e a cidadanía. Tal e como aconteceu neste caso de éxito, os técnicos alí reunidos incidiron na importancia de que os servizos de deportes traballen conxuntamente con outros departamentos da universidade e que comuniquen hábitos sans e non só eventos deportivos.