DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade lidera un proxecto no que participan outras cinco entidades

A depuradora de Vigo podería deixar o seu futuro en mans das algas

EnerBioAlgae estuda o uso de microalgas para a limpeza de augas deterioradas incluso por residuos ur

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 04/02/2011

Pensar en verde nunca tivo tanto sentido como co novo proxecto que lidera a Universidade de Vigo: EnerBioAlgae. Trátase dun traballo integrado no programa Sudoe Interreg que busca o emprego de microalgas que viven en espazos hídricos deteriorados para a limpeza de augas sucias. O primeiro paso, conseguir detectar zonas de interese en toda Galicia nos que se poidan aplicar as técnicas, como “minas abertas, lagunas cerradas ou incluso en augas residuais urbanas. A idea é que o proxecto teña continuidade para poder achegarnos o máis posible á realidade que nos rodea, como a depuradora de Vigo e así contribuír ao seu bo funcionamento”, explicou Jesús Torres, profesor de Física Aplicada e coordinador do proxecto, no que colaboran ademais do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e as universidades de Almería, Aveiro e Pau et Pays de l'Adour. Tras a firma do acordo de colaboración entre os socios o pasado mes de outubro, os equipos de traballo celebraron hoxe a primeira reunión do proxecto na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, onde debuxaron os primeiros pasos dunha investigación enfocada a sacar partido á riqueza mariña de Galicia.

Unha iniciativa “complexa a nivel administrativo” cun orzamento de máis de 660.000 euros dos que intentarán sacar 500.000 euros dos fondos europeos FEDER, que ten previsto rematar en 2012 coa instalación en Aveiro e na ECIMAT dun fotobiorreactor que será monitorizado para obter un mellor rendemento do emprego de augas degradadas procedentes de distintas zonas do territorio galego. O INEGA será o encargado de facer o estudo do tipo de augas e buscar a localización axeitada para a explotación das microalgas, que precisan a luz direta do sol para facer a fotosíntese. As cepas introduciranse nun sistema pechado de crecemento no que circulará auga mariña cuns parámetros concretos para o seu mantemento e farase unha monitorización on line dos cultivos.

Moito camiño por diante

Antes diso haberá que estudar cal é a cepa máis axeitada e caracterizala para levar a cabo esta iniciativa. Pero os investigadores queren ser realistas e avisan: precísanse “grandes superficies e zonas iluminadas para un rendemento factible”. Un exemplo a seguir ademais do da Universidade de Almería, á vangarda dos estudos con microalgas en España, é Israel, onde existen amplos cultivos deste material para empregar logo na industria farmacéutica ou na fabricación de biodiésel.

Precisamente acadar este combustible, así como empregar as microalgas para a absorción de dióxido de carbono, é unha das metas secundarias do proxecto. Sen embargo, os propios investigadores recoñecen que o seu emprego como biodiésel responde a un rendemento máis medioambiental que económico. “Todo o proceso require un esforzo substancial tanto no desenvolvemento das tecnoloxías precisas como na súa posta en funcionamento. Trátase de crear procesos de conversión enerxética máis eficientes e limpos para dar resposta ás demandas tecnolóxicas e medioambientais presentes e futuras, demostrando a súa viabilidade técnica e económica”, asegura Torres. Unha solución pode que máis que factible no incerto futuro enerxético.