DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para diferentes actuacións desenvolvidas ao longo do 2009

A Deputación destina 311.000 euros para a promoción de actividades culturais no campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 10/12/2009

A comisión de seguemento e control do convenio de colaboración entre a Deputación Provincial de Ourense e a Universidade de Vigo ratificou esta semana a relación de actividades desenvolvidas ao longo do ano 2009 para a promoción e a difusión cultural do campus, cuxo custo ascende a un total de 311.000 euros.
Entre as actividades celebradas neste ano destaca o programa de apoio á investigación Innova Ourense, que recibiu unha achega de 119.000 euros, seguido da Aula de Teatro e a MITEU -Mostra Internacional de Teatro Universitario-, que recibiu unha subvención de 47.177 euros, e dos cursos de verán, para os que se destinaron 38.854 euros.

Mobilidade, obradoiros, literatura, arte e coro

Outros apartados igualmente subvencionados foron a Cátedra Carlos Casares, con 30.000 euros; o Programa de Apoio á Mobilidade Estudiantil, con 27.000 euros; a Intercultural, que recibiu 18.159 euros; os obradoiros, correspondentes aos cursos 2008/09 e 2009/10, que recibiron unha achega total de 17.900 euros; os XIX Encontros Literarios, 4.117 euros; o Coro Universitario, 3.640 euros; a Sala Alterarte, 2.600 euros, e o ciclo Visións de Galicia, que recibiu unha subvención de 2.366 euros.
Todas estas actividades tiveron unha excelente acollida non só entre o público universitario, senón tamén entre a sociedade ourensá en xeral. Este dato permite que tanto a Deputación de Ourense como a Universidade contemplen a continuidade de manter esta liña de colaboración co obxectivo de seguir potenciando as actuacións culturais no eido académico e universitario.