DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É unha das gañadoras dos primeiros premios literarios ‘Hai unha voz’

A Deputación distingue a traxectoria como escritora e investigadora da profesora Rexina Vega

Os galardóns entréganse este venres nun acto en Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Premios
  • Cultura
DUVI Pontevedra 20/06/2023

Escritora, investigadora e profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Rexina Vega é unha das gañadoras dos primeiros premios Hai unha voz, impulsados pola Deputación de Pontevedra e a asociación Clásicas e Modernas, ao abeiro do Manifesto de Soutomaior, co obxectivo de visualizar e impulsar o talento feminino na cultura e distinguir a pegada das mulleres no eido literario. A docente do Departamento de Lingua española foi recoñecida pola súa “sólida traxectoria como autora de narrativa e investigadora especialista na obra de Álvaro Cunqueiro”, segundo informou nesta xornada a institución provincial.

Concretamente, o xurado destes galardóns, dotados cun premio económico de 5000 euros, destacou os artigos realizados por Vega na revista Tempos Novos e a súa participación na curtametraxe documental Cunqueiro. A grande ilusión “como unha das voces máis autorizadas para falar do autor”. Así mesmo, destacou tamén como ao longo de 2022 contribuíu á internacionalización da lingua e cultura galegas coa súa presenza en foros de pensamento como o webinar auspiciado pola Universidade Kentucky sobre Álvaro Cunqueiro e en congresos que tiveron lugar en Bos Aires e Varsovia, entre outros.

Xunto a Vega, tamén foron recoñecidas na primeira edición destes premios a escritora e investigadora Marilar Aleixandre e a dramaturga e poeta Esther Carrodeguas. As tres autoras recibirán os seus galardóns este venres 23, na gala que se celebrará este venres 23 de xuño ás 19.30 horas na sede da Deputación en Vigo, nun acto que será presentado por tres das integrantes do manifesto, Mariana Carballal, Silvia Penas e Isabel Blanco, e que contará coa actuación musical de Guadi Galego. 

As premiadas foron escollidas polo xurado de entre un total de 17 candidatas, propostas tanto polas integrantes da Comisión de Seguimento do Manifesto de Soutomaior como por entidades locais. Este estaba conformado pola xefa do Servizo de Igualdade da Deputación, Lucía Muradas; a técnica deste departamento Ana Isabel Amoedo; e as integrantes desta comisión de seguimento Paula Cabaleiro, directora de Cultura da institución provincial; Mariana Carballal, actriz, directora e profesora asociada da UVigo; Edurne Baines, periodista e editora; Isabel Blanco, avogada e editora; Mercedes Corvillón, escritora e editora; Anna R. Figueiredo, escritora e profesora, e Silvia Penas, escritora, poeta e profesora.