DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En colaboración coa Vicerreitoría do campus

A Deputación de Ourense abre unha nova convocatoria de bolsas internacionais

A oferta publicouse o día 4 e as solicitudes deberán presentarse antes de 15 días naturais dende esa

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 11/07/2008

O Programa Europeo de Bolsas Internacionais promovido pola Deputación de Ourense en colaboración coa Vicerreitoría do campus e cofinanciado con fondos europeos conta, dende o pasado día 4 de xullo, cunha nova convocatoria de prazas para ofrecer aos titulados universitarios a posibilidade de realizar prácticas profesionais en países da Unión Europea durante un cuadrimestre. A bolsa financia a viaxe, o aloxamento, un seguro e un curso de inmersión lingüística no idioma do país e ademais, xestiona e supervisa o traballo en prácticas do alumno nunha empresa seleccionada segundo o seu perfil. Ao rematar o programa, os participantes recibirán un certificado oficial de validez europea que acredita a súa estancia no estranxeiro.
A iniciativa traslada ao eido local as competencias da UE no fomento da mobilidade a través do programa Leonardo Da Vinci e enmárcase dentro dos proxectos para a mellora da inserción laboral que a Unidade de Promoción e Desenvolvemento da deputación promove como políticas activas de emprego. O programa aportaralle aos participantes unha experiencia profesional internacional que mellorará as súas posibilidades de acadar un posto de traballo de calidade. Ademais, para os novos titulados na busca do seu primeiro emprego, supón tamén unha oportunidade única de desenvolver as súas habilidades lingüísticas nun contexto laboral, pois outro dos obxectivos do programa é facilitar esta aprendizaxe idiomática.

Datos para os interesados

O Programa Europeo de Bolsas Internacionais ofrecerá ao longo de 2008 un total de 100 bolsas en diversas convocatorias que irán aparecendo na páxina web da UPD das que poderán ser beneficiarios os titulados universitarios e os estudantes de posgrao con coñecementos do idioma oficial dalgún dos países da Unión Europea. As prácticas, dunha duración media de catro meses, terán lugar en empresas do Espazo Económico Europeo e Suíza; preferentemente Alemaña, Austria, Bélxica, Eslovenia, Francia, Holanda, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal e Reino Unido.
Neste momento permanece aberta a oferta de prazas publicada no BOP o 4 de xullo e as solicitudes poderán presentarse na web da UPD nos 15 días naturais seguintes a esa data. Unha vez realizada a tramitación telemática seguindo os pasos correspondentes, a solicitude deberá ser impresa e entregada no rexistro da Deputación acompañada polo resto da documentación requirida.