DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acto de entrega dos Premios Provinciais 2011 e Novos Valores 2012

A Deputación de Pontevedra recoñece o talento investigador e artístico da Universidade

Foron galardoados oito investigadores e titulados da institución viguesa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 13/12/2012

Alta representatividade da Universidade de Vigo nos Premios Provinciais á Investigación 2011 e pleno total no Certame de Novos Valores 2012, ambos outorgados pola Deputación de Pontevedra. Este xoves, en presenza do seu presidente Rafael Louzán, celebrouse o acto de entrega dos galardóns a un total de oito investigadores e titulados da institución viguesa, que ademais do recoñecemento público, recibiron unha dotación económica que supón “unha axuda importante nestes tempos de sucesivos recortes e cancelacións de pagos”, comentou Susana Lagüela, unha das investigadoras premiadas.

A Universidade de Vigo está presente nas tres seccións dos premios provinciais: Traballo de Investigación, Novos Investigadores e Teses de Doutoramento. Na primeira categoría foi premiada con 3000 euros o proxecto Ultra detección de biotoxinas mariñas mediante Dispersión Raman aumentada por superficies, levado a cabo no contexto da Universidade por Sara Abalde Cela; Luis Antonio Medina Castillo, Ramón Álvarez Puebla e por Luis Liz Marzán. Recolleu o galardón en nome de todos Sara Abalde “porque os outros autores non están en Galicia”, puntualizou. Como nova investigadora foi recoñecida Susana Lagüela, do departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente da Universidade, polo seu traballo Calibración métrica de cámaras termográficas y aplicación a eficiencia energética en edificios, que estivo representada neste acto pola súa irmá xa que se atopa en Italia facendo unha estadía de investigación para a súa tese de doutoramento. Finalmente, tres teses presentadas no campus de Pontevedra tamén recibiron cadanseu premio de 2000 euros. Son Eva Quintas Froufe por Federico Ribas Montenegro. Obra Gráfica. Editorial y publicitaria. Análisis y catalogación documental (1916-1936); Miguel González Loureiro por Impacto de la gestión de la capital intelectual en el crecimiento de la actividad de pequeñas y medianas empresas innovadoras e Xoaquín Moreira Tomé por Variación genética y afecto de la disponibilidad de nutrientes en las defensas constitutivas e inducidas de Pinus Pinaster Ait. Para os investigadores galardoados, aínda que a achega económica é moi “oportuna” nestes momentos de austeridade, “o realmente importante é o recoñecemento a un labor de investigación e transferencia de resultados destes traballos pois raras veces se valora explicitamente esa función de transformar o coñecemento científico en algo útil para a sociedade e o tecido empresarial”, declarou o investigador Miguel G. Loureiro que quixo facer o premio extensivo a todos os compañeiros e compañeiras “que leron ou van ler as súas teses no ámbito das ciencias sociais e xurídicas pois o de hoxe non é máis que un premio individual a unha tarefa de equipo”. Os tres galardóns restantes recaeron no xornalista Gerardo González Marín polo Diccionario de Vigueses 1875-1945; en José Ramos González, autor do traballo Historia desvelada de una traducción. El binomio Millán-Murais e en Paula Martínez por Alegradvos amadores: vida y obra de un poeta singular del siglo XV llamado Sarnés.

Nesta noite de xoves tamén se entregaron os Premios Novos Valores cos que a Deputación busca promocionar ás novas promesas das artes plásticas. Nesta edición de 2012 recaeron en tres titulados da Facultade de Belas Artes, Antía Cea, David Fidalgo e Marta Bran que agradeceu á institución provincial que siga mantendo esta convocatoria a pesar dos recortes económicos "pois supón unha plataforma perfecta para visualizarnos no mercado da arte galega".

Motivación para continuar

Estes premios veñen nun momento “no que o labor investigador se atopa en condicións cada vez máis precarias” así que se converten nun “interesante aliciente” para que os novos investigadores continúen “nesta dura tarefa diaria tan directamente relacionada co desenvolvemento económico do país”, matizou Sara Abalde. “Motívanos a continuar”, sinalou Miguel G. Loureiro, sobre todo se se ten en conta a calidade do xurado que outorgou os premios, composto por representantes da sociedade e e do mundo da ciencia e da tecnoloxía. “Paréceme fundamental que se motive a investigación científico-tecnolóxica sobre todo na área das ciencias sociais e tamén que se recoñeza a tarefa de transferencia da Universidade á súa contorna”, subliñou Loureiro.

Moitos dos que recolleron este xoves o premio continúan inmersos no labor investigador. En concreto dúas novas investigadoras, Susana Lagüela e Sara Abalde, gozan nestes momentos dunha bolsa FPU do Ministerio de Educación para o desenvolvemento da tese de doutoramento que en concreto Abalde xa presentará en marzo coas expectativas de continuar o seu labor no estranxeiro “dada a actual política de non axudas á investigación, ao desenvolvemento e á cultura”. Consideran que a Universidade concentrase a metade dos Premios Provinciais á Investigación 2011 é sinónimo “de que as cousas se levan facendo moi ben nesta institución nos últimos anos, como destinar fondos á investigación e a instrumentais de primeira calidade xestionados polo CACTI”, apuntou Sara Abalde, unha visión compartida por outros investigadores como Miguel G. Loureiro que considera que a universidade galega en particular e a de España en xeral “se atopa a niveis moi similares doutros países”.