DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato e Virxilio Rodríguez reuníronse este martes con Manuel Baltar

Deputación e Universidade retoman a súa axenda tralas eleccións

O convenio de colaboración entre as dúas institucións será asinado en xuño

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 13/05/2014

O pasado 29 de abril Salustiano Mato tomou posesión por segunda vez como reitor da Universidade de Vigo e con el o seu novo equipo de goberno, formado entre outros por Virxilio Rodríguez, que pasa a ocupar o cargo de vicerreitor do campus de Ourense. Co obxectivo de retomar a axenda común coas institucións da contorna, este martes o reitor e o vicerreitor de campus reuníronse no Pazo Provincial con Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense. Os responsables das dúas entidades afondaron en temas como a renovación do seu convenio de colaboración anual e os proxectos do Campus da Auga e do Plan Termal de Ourense, entre outras cuestións.

Convenio e Campus da Auga

Despois da reunión, Salustiano Mato salientou que “unha vez pasado o proceso electoral e constituído o novo equipo de goberno, esta reunión foi un primeiro contacto coa Deputación para presentar ao novo vicerreitor do campus de Ourense e para retomar os asuntos de colaboración que temos en común”. Concretamente, comentou, avanzaron na próxima sinatura do convenio de colaboración anual existente entre as dúas institucións, ao abeiro do cal se financian e se desenvolven programas e actividades de difusión cultural, investigación, educación e deportes no campus de Ourense. O convenio, que adiantaron será asinado o vindeiro mes de xuño, é, segundo manifestou Manuel Baltar, “unha aposta firme pola potenciación do campus de Ourense co que estamos a cooperar para contribuír ao desenvolvemento da nosa provincia a través da formación e a preparación dos universitarios”.

Outro dos grandes temas abordados durante a reunión foi o Campus da Auga, o proxecto de especialización para o campus de Ourense, e a súa axenda máis inmediata. Neste senso, o reitor salientou como este proxecto e o Plan Termal de Ourense “van da man para o desenvolvemento económico da provincia e do seu conxunto” e como teñen moito que apoiarse o un ao outro dados os seus obxectivos. A Deputación convidou á Universidade de Vigo a que, unha vez asinado o convenio entre a entidade provincial e a Xunta para a execución do Plan Termal, a institución académica forme parte do Consello Termal Ourensán, convite que foi aceptado polo reitor no marco do desenvolvemento do Campus da Auga. Deste xeito, apuntou Manuel Baltar, a colaboración “é básica nun escenario como o actual de cooperación entre as dúas institucións”.

Por último, o presidente da Deputación Provincial fixo un convite a Salustiano Mato para que a Universidade de Vigo designe a un profesor para formar parte do Comité de Ética que velará polo cumprimento do Código Ético da Deputación de Ourense.

Enxeñaría Física

Noutra orde de cousas e a preguntas dos xornalistas, o reitor da Universidade de Vigo tamén falou da avaliación feita pola ACSUG, a Axencia Galega para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, sobre a proposta de implantación do grao de Enxeñaría Física no campus de Ourense. Salustiano Mato salientou que o informe da ACSUG xa está en mans da xunta de titulación de Física e que son os seus membros, como expertos neste eido, os encargados de propor unha denominación alternativa para estes estudos, tal e como pide esta axencia para clarificar se se trata de estudos de ciencias ou de enxeñaría. “Nós apoiaremos a decisión da xunta de titulación”, apuntou o reitor, que fixo fincapé no apoio á implantación deste grao na Universidade de Vigo para o vindeiro curso académico.