DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo feminino encaixou unha derrota

O derby do baloncesto universitario decántase do lado vigués

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 12/01/2009

 A pesar do resultado positivo que acadou o equipo masculino do Campus Universitario no último partido do ano pasado, o comezo de 2009 non foi tan bo e o Universidade de Vigo conseguiu derrotar por 73-93 aos xogadores ourensáns. Segundo o seu adestrador, Javier Pérez, “comezamos o ano cun pequeno tropezo pero agardamos recuperarnos pronto”. Pola súa banda Cristina Alonso, adestradora do Universidade de Vigo asegura que "con esta vitoria o equipo conságrase como o mellor ataque da categoría". Estamos esta tempada, ante unha competición moi igualada e “o feito de estar parados durante un tempo afectounos negativamente”, explicou Pérez, o que se reflectiu nun marcador final de 73-93 puntos. Mentres, a adestradora do Universidade asegura que "o partido non parecía fácil para nós, pero baseándonos nas alternativas defensivas fomos quen de ir abrindo oco no marcador. Ademais hai que destacar o bo partido do base Martín". Entre os propósitos para o novo ano, os xogadores do Campus Universitario apostan “por un maior compromiso no terreo de xogo e por un cambio de actitude, temos que evitar perdernos en aspectos que non levan a nada e que nos fan perder concentración”, comentou Pérez.
No tocante ao equipo feminino sucedeu outro tanto do mesmo. O encontro contra o C.B. Airexa Nigrán, xogado en decembro, rematou cunha vitoria para as da casa cun marcador 50-61. Sen embargo o novo ano non comezou coa mesma sorte, o equipo Aviva Lourenzá logrou derrotar ao Campus Universitario no partido do pasado sábado día 10 por 45-47 puntos.

Próxima xornada

Os xogadores ourensáns terán unha nova oportunidade de ascender postos no caso de gañar o partido desta fin de semana. O encontro será o sábado 17 no Pavillón Municipal Óscar Pereiro contra o C.B. Mos Noribérica ás 19.00 horas. Este rival, que se atopa no segundo posto da clasificación, “é un equipo difícil que traballa basicamente con cinco xogadores e non fai moita rotación de equipo”, dixo Pérez, “por iso trataremos de facer que os habituais non se sintan cómodos no terreo de xogo”. Pola súa banda o Campus Universitario feminino enfrontarase ao Maristas Cubicaje Valle Inclán nun encontro que se xogará no Pavillón do Colexio Maristas o sábado 17 ás 18.30 horas.