DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi ofrecida polo catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social José Luis Tortuero

Dereito celebra unha conferencia sobre as reformas en materia de seguridade social

Nela destacouse o carácter “histórico” dos avances acadados

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Visitas
  • Académica
DUVI Ourense 28/04/2023

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este venres unha conferencia de José Luis Tortuero, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad Complutense de Madrid, na que se ofreceu “unha visión xeral de todas as reformas que se teñen producido entre 2021 e 2023 en materia de seguridade social”, dedicando especial atención ás reformas que afectan ás pensións, “o centro neurálxico do sistema”. Na sesión destacouse a relevancia histórica dos avances acadados nos últimos anos neste eido.  

A actividade formou parte da programación do Curso de Actualización Xurídica 2022/2023 da Facultade de Dereito, unha iniciativa que inclúe cada ano unha serie de conferencias, centradas cada unha delas nunha área diferente do dereito, sobre temas de carácter transversal e de actualidade no eido xurídico, co obxectivo de avanzar na formación multidisciplinar do persoal docente e investigador deste centro e do seu alumnado. A conferencia foi introducida pola vicedecana do centro Mónica Siota e o convidado foi presentado por Marta Fernández, profesora da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo.

Reforma ampla, aberta e multimateria

Na abordaxe das reformas acometidas en materia de seguridade social ofrecida por José Luis Tortuero, o relator salientou que no período analizado “producíronse moitísimas reformas e é importante ter unha visión de conxunto do que o significan para o sistema, porque nunca na nosa historia se tiña feito unha reforma tan ampla, tan aberta, tan multimaterias, buscando un equilibrio entre os ingresos e os gastos”. Neste senso enumerou como as reformas afectaron á “revalorización e a garantía de transferencias desde os impostos xerais dos orzamentos, que é a garantía de sostibilidade do sistema e onde estamos falando de dous puntos do PIB, que é moito diñeiro”. Igualmente, dixo, “tocouse as xubilacións anticipadas, os temas de xénero, a subida das bases de cotización máximas, o ingreso mínimo vital, a cotización dos autónomos e a conformación dos plans de emprego, que son moi importantes e que en España estaba esquecidos se vemos os países da contorna”.

O relator explicou que cando foi convidado a dar esta conferencia no campus de Ourense decidiu abordar esta panorámica das reformas en seguridade social nos último anos polo seu carácter histórico e dada a súa envergadura. En España, indicou,  “nunca fixemos unha reforma deste calado”, subliñando como ademais se fixo baixo o Pacto de Toledo, coas forzas políticas, o pacto cos interlocutores sociais e no marco da axenda 2030 da Unión Europea, entre outros aspectos. Do proceso de reformas levado acabo tamén recalcou que se fixo “sen un mínimo movemento de protesta”, apuntando as problemáticas que este tipo de reformas teñen provocado por exemplo recentemente en Francia. “A imaxe resultante merece a pena destacala. A foto de conxunto e de cada un dos temas tocados ten moita relevancia e non só a nivel xurídico senón sobre todo a nivel social, económico, político... a todos os niveis”, afirmou.

Na súa intervención José Luis Tortuero tamén abordou reformas clave en materia de seguridade social como a reforma da idade de xubilación acometida en 2011, que tivo en conta as xeracións do coñecido como baby boom, e a creación do ingreso mínimo vital hai uns anos, “que proporcionou un espazo de protección aos cidadáns que non tiñamos”.