DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolle o acto de graduación da XVI promoción da facultade

Dereito celebra o seu 20 aniversario cunha nova promoción de titulados

Salustiano Mato destaca a preparación dos egresados para "servir á sociedade"

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 04/02/2011
Como en todo acto de graduación, a XVI promoción da Facultade de Dereito do campus de Ourense celebrou este venres o remate dos seus estudos con emoción e satisfacción polo camiño percorrido ata alí. O salón de graos do Edificio Politécnico encheuse de familiares e amigos para acompañar aos novos licenciados nunha ocasión tan sinalada. Eles constitúen ademais unha promoción moi especial para a facultade, a que se gradúa coincidindo co seu 20 aniversario.

Ademais da graduación, o acto académico tivo por obxectivo celebrar o patrón do centro, San Raimundo de Peñafort. Con tal motivo este ano, seguindo a tradición, nomeouse a un novo membro honorífico do claustro de profesores da facultade. Nesta ocasión o elixido foi, polas súas tres décadas dedicadas á docencia e á investigación, José Manuel Sobrino, catedrático de Dereito Internacional Público da Universidade da Coruña. Sobrino agradeceu esta distinción “para un galego non de nacemento pero si de sentimento” que reivindica “o absurdo das fronteiras” e vive intensamente o desenvolvemento e docencia do dereito internacional.

Os 29 estudantes de dereito graduados este venres recolleron un a un os seus diplomas e distincións fronte á atenta ollada de familiares e amigos e da man das autoridades académicas presentes no acto, entre os que estaban o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o presidente do Consello Social da Universidade, Emilio Atrio; os decanos das facultades de Dereito de Ourense, Miguel Michinel, de Santiago, Luis Míguez, da Coruña, Eloy Miguel Gayán, e de Ciencias Xurídicas e do Traballo de Vigo, Ana Mª Pita.

O reitor da Universidade de Vigo quixo durante o acto salientar que para esta institución representa “unha fonda emoción ver como destas aulas sae unha nova xeración de licenciados e licenciadas en Dereito, preparados para enfrontarse aos retos do exercicio profesional e para servir á sociedade”. Un sentimento compartido polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, quen alentou aos licenciados a desenvolver “a gran misión de aplicar a lei dunha maneira intelixente e valente”.

Contruíndo universidade

O padriño de promoción desta XVI promoción de Dereito, o profesor Virxilio Rodríguez, quixo darlles a confianza de que na nova etapa que emprenden “dispoñen dos coñecementos e as destrezas necesarias para enfrontar o tempo que vos tocou vivir” e animounos a que alí onde desenvolvan a súa vida profesional “nunca deixen de seguir construíndo esta Universidade”. Unha satisfacción compartida polo decano da facultade, Miguel Michinel, para quen estes licenciados son “auténticos campións”.

En representación da promoción, Rocío Paz e Ángel Parada amosaron a súa gratitude a familiares, profesores, persoal do centro e autoridades. E en palabras de Parada, quixeron deixar constancia do seu compromiso coa Universidade e a formación sinalando que con este acto “non dicimos adeus senón ata mañá”.

Os novos licenciados xa se atopan fóra das aulas, uns preparando oposicións, outros buscando traballo, outros xa en exercicio e outros continuando estudos. Pero todos eles gardan un excelente recordo dos seus anos como universitarios que quixeron celebrar e compartir este venres con familiares, amigos e compañeiros de andaina no campus de Ourense.