DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os centros están inmersos no proceso de certificación da súa xestión

Dereito, Ciencias Empresariais e Turismo e Enxeñaría Informática camiñan cara o selo de calidade

Esta semana reciben a visita do equipo auditor externo encargado de avaliar o seu sistema de garantí

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 06/05/2014

O selo de calidade é o distintivo máis prezado para calquera entidade pública ou privada e para calquera produto ou servizo que se comercializa. É fundamental na súa imaxe de marca, na confianza dos usuarios, na súa taxa de éxito e en moitos outros aspectos. Nun espazo europeo de educación, as facultades e escolas universitarias e as súas titulación tamén terán que acadar esa certificación se queren competir coas vantaxes que dá levar o distintivo que acredita a súa calidade. Con este obxectivo, tres centros do campus de Ourense están agora inmersos no proceso de certificación da súa xestión, paso previo á verificación dos seus graos e mestrados.

Este martes, o campus recibiu a visita do equipo auditor externo encargado do proceso de certificación do sistema de garantía interno de calidade SGIC dos tres primeiros centros ourensáns que voluntariamente decidiron presentarse a este proceso e que son as facultades de Dereito e de Ciencias Empresariais e Turismo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática. O grupo auditor foi recibido por Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus; Roberto Bustillo, decano da Facultade de Dereito; Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática.

O futuro da universidade

“Hai que partir da base e hai que ter claro que o futuro das universidades pasa polo prestixio da súa oferta académica”, apuntou Salustiano Mato. Aínda que esta idea non está interiorizada, advertiu, os títulos universitarios teñen que acometer todo o ciclo da súa certificación e verificación, pois a acreditación da súa calidade a nivel internacional e o mantemento desa distinción vai ser imprescindible no seu futuro. Despois das experiencias pilotos levadas a cabo, indicou Virxilio Rodríguez, “é unha satisfacción que tres dos seis centros que na actualidade están realizando este proceso de auditoría na Universidade sexan do campus de Ourense”. Someterse a el, salientou o vicerreitor, implica un grande esforzo de preparación e adaptación pero permite visibilizar un amplo traballo de calidade que pasa habitualmente desapercibido.

No seu primeiro día no campus, o equipo auditor tivo como obxectivo visitar a Facultade de Dereito, continuando o mércores na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e nunha data por determinar na Escola Superior de Enxeñaría Informática. “O obxectivo é acreditar a cotidianidade, valorar a xestión do día a día, que as cousas se fan ben e que delas quedan as evidencia snecesarias. Non se avalían aspectos de calidade docente ou produción científica, só xestión”, explicou Roberto Bustillo. Esta certificación, comentou, é interesante porque “ao igual que calquera empresa ou negocio, este tipo de certificacións da xestión son un aval de cara ao exterior de que efectivamente cumprimos uns requisitos e garantías. Ademais, cando en breve sometamos as nosas titulacións á súa verificación de calidade, se xa temos acadada a certificación do sistema de calidade interna parte do traballo xa estará feito”. Na Universidade, comentou, existen documento xerais que son incorporados e adaptados a cada centro con todos os procedementos de calidade necesarios para o día a día dunha facultade, polo que “todo está regrado e en disposición de pasar esta auditoría”, comentou Roberto Bustillo.

Un proceso que culmina coa visita aos centros

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia ACSUG é a entidade acreditada e homologada para realizar esta certificación. O groso da auditoría xa está feito, pois nas últimas semanas, o equipo auditor revisou toda a documentación solicitada e necesaria para certificar a calidade dos centros ourensán, culminando o proceso con esta visita. Despois da recepción oficial, o grupo auditor, formado por un catedrático universitario con ampla experiencia en ANECA, a Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación; unha auditora; unha alumna universitaria e unha representante da ACSUG reuníronse ao longo da mañá cos equipos decanais, cos integrantes da comisión de garantía de calidade do centro e cos representantes dos diferentes colectivos da facultade, como son o alumnado, os docentes e o persoal de administración e servizos, ademais de facer unha visita á facultade e emitir un informe oral coas primeiras valoracións, á espera de coñecer dentro dunhas semanas os resultados definitivos da certificación.