DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sae do prelo o terceiro número da publicación e ábrese o prazo para recibir traballos para o seguint

Dereito, cine, filosofía e moita mestizaxe na revista 'Intersexiones'

Os artigos propoñen unha reflexión crítica e multidiciplinar sobre cuestións de actualidade

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 08/11/2012

A revista Intersexiones naceu fai catro anos da man Pablo Raúl Bonorino, docente da Facultade de Dereito do campus de Ourense, co obxectivo de ser un paraugas para a reflexión multidisciplinar sobre cuestións de actualidade. No seu terceiro número, recentemente publicado, propón unha mestizaxe na que o dereito, o cine, as cuestión de xénero, a filosofía, a literatura e a política se combinan para analizar desde un punto de vista crítico “cuestións da dura realidade que nos toca vivir”, tal e como apunta o seu director.

“En Intersexiones teñen cabida os textos interdisciplinarios ou mestizos, artigos que por combinar materias ou enfoques diversos non se consideran axeitados para publicar nunha revista especializada. Na nosa publicación precisamente damos acubillo e alentamos todas as combinacións imaxinables”, destaca Pablo Raúl Bonorino. Deste xeito, o novo número conta con dez artigos que abranguen temas como os medos sociais na ficción televisiva contemporánea; a novela de intriga e a violencia de xénero; as “mentes criminais” dos escritores Edgar Allan Poe e Guy de Maupassant; o comic X-Men; o traballo das investigadoras no ámbito do crime e a democracia militante e o dereito penal. Os textos, explica Bonorino, son elixidos por un comité editorial interdisciplinario composto por especialistas de once países.

Nesta ocasión firman as colaboracións Isabel Lifante, Benjamín Rivaya, Pedro Fernández, Nuria Sánchez, Martín Urdiales, Patricia Trapero, Virginia M. Adán, Carmen Servén, Eduardo Sanz, María Lameiras, Victoria Carrera, Yolanda Rodríguez e Jóse Luis Pérez. “Nos contidos deste número destacan os traballos producidos a partir da colaboración dalgúns destes expertos na anterior edición do Ciclo Pensar o Cine, que organizamos cada curso na Facultade de Dereito e que precisamente agora temos en marcha. Deste xeito, contamos con achegas como a de Isabel Lifante sobre a película Te doy mis ojos ou a de María Lameiras, Victoria Carrera e Yolanda Rodríguez sobre a produción audiovisual Nueve semanas y media”, apunta o director de Intersexiones.

Publicación aberta

Ao igual que acontece cos anteriores números, a nova publicación xa está dispoñible para a súa descarga de balde na páxina web da revista. Igualmente, a través desta web pódese solicitar o envío en papel dun dos mil exemplares editados. “A pesar de ser unha iniciativa que xorde na Facultade de Dereito ten como obxectivo servir de medio de comunicación para toda a comunidade académica, sexa a nivel estatal ou internacional, polo que coidamos especialmente a súa presenza e accesibilidade en Internet”, subliña o docente. Aínda que polo seu carácter especializado a revista está dirixida principalmente a profesores e investigadores universitarios, pola súa transversalidade en temas e enforques, comenta Pablo Raúl Bonorino, o seu público potencial supera as fronteiras académicas e a revista pode ser lida con interese polo público xeral.

Unha vez rematada a publicación deste número, os responsables de Intersexiones, que ten unha periodicidade anual, xa traballan no seguinte. “Ata o 15 de decembro aceptamos propostas de artigos polo que animamos ás posibles persoas interesadas a que consulten a nosa web para coñecer os criterios de selección e nos envíen as súas propostas, especialmente propostas mestizas e innovadoras”, destaca o docente.