DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unhas xornadas afondan nos campus de Ourense e Vigo neste ordenamento xurídico

O dereito deportivo entra no terreo de xogo

Coa participación dunha trintena de expertos do eido académico e profesional

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 03/04/2017

Os días 3, 4, 24 e 26 de abril, as facultades de Dereito do campus de Ourense e a de Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus de Vigo acollen as II Xornadas sobre Dereito Deportivo. As sesións, nas que participa un amplo panel de arredor de 30 relatores do eido académico e profesional, arrancaron este luns en Ourense salientando a importancia de que no terreo de xogo dun sector cada vez máis grande como é o do deporte exista tanto un ordenamento xurídico que dea resposta aos conflitos que nel se poidan dar como profesionais especializados para resolvelos. Nesta edición, lembrou Inés C. Iglesias Canle, unha das directoras académicas da cita, dedícase ademais especial atención “á importancia dos dereitos humanos e dos valores que se transmiten a través do deporte”.

Formación nun eido complexo

Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Bernardino González, presidente do Comité Galego de Árbitros; Mario González, do Consello Municipal de Deportes; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense; Marta Míguez, secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, foron as persoas encargadas de dar o pistoletazo de saída a esta segunda edición dunhas xornadas cuxa dirección académica corre a cargo de Inés C. Iglesias Canle, catedrática acreditada de Dereito Procesual da Universidade de Vigo, e de María José Bravo Bosch, profesora titular de Dereito Romano.

Durante a súa intervención, Virxilio Rodríguez fixo fincapé en como desde o dereito é preciso dar resposta “á crecente complexidade que hoxe en día atinxe ao mundo do deporte”. Para facelo, destacou a importancia de que os estudantes e os profesionais se “superespecialicen” complementando o seu título con formación en eidos moi concretos, como neste caso o dereito deportivo. Subliñando como o deporte necesita dun ordenamento xurídico, Ernesto Pedrosa fixo fincapé en como “asistimos a unha crecente atención mediática cara aspectos que ata agora non nos interesaban ou non nos contaban dos deportes”, poñendo o aceno nos xuízos mediáticos sobre cuestións deportivas. Pola súa banda, Marta Fernández apuntou como estas xornadas poñen de manifesto “a presenza do dereito en todos os ámbitos”.

Marta Míguez deu os parabéns á organización das xornadas salientando como este tipo de iniciativas “contribúen á mellora do deporte en Galicia” e á formación de profesionais especializados. A secretaria xeral para o Deporte destacou “a realidade transversal” que na actualidade supón o deporte, desde a súa vertente económica ata a xurídica, e a as súas potencialidades. Pola súa banda e en nome do colectivo arbitral, Bernardino González subliñou o “altísimo nivel” dos relatores destas xornadas e a súa importancia para o eido do deporte. Do mesmo xeito, Mario González recalcou como “toda formación que poidamos acoller é pouca para facer medrar o deporte” e Rosendo Fernández puxo o foco de atención na necesidade “dunha normativa axustada á dimensión actual do deporte”.

Comezando pola disciplina deportiva

As intervencións das xornadas, que teñen lugar os dous primeiros días no campus de Ourense e os dous seguintes no de Vigo, son retransmitidas por videoconferencia nas dúas facultades de acollida, de xeito que as persoas inscritas en cada campus non teñen necesidade de desprazarse ao outro. Trala inauguración oficial, a primeira das intervencións correu a cargo este luns de Luís Míguez Macho, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, que ofreceu unha conferencia sobre a disciplina deportiva nunha Facultade de Dereito na que anos atrás foi docente. Durante a súa conferencia, Míguez salientou como “toda a regulación no eido do dereito deportivo é dereito administrativo sancionador”. Recalcando como esta regulación “é unha cuestión extremadamente complexa”, o catedrático explicou como o dereito deportivo constitúe “un sistema piramidal” que vai desde unha base de carácter privado ata unha cúspide na que está a administración pública, pasando nos seus diferentes niveis por federacións, clubs, etc. e exercendo cada organización a súa potestade sancionadora nos seus respectivos ámbitos. O catedrático ofreceu un achegamento a esta potestade sancionadora e unha panorámica sobre os sistema de regulación neste eido tanto de carácter autonómico como estatal, salientando as peculiaridades dun sistema como o deportivo “a medio camiño entre o ámbito público e o privado”.

Á súa intervención seguiulle unha mesa redonda sobre deporte profesional e federacións deportivas que contou coa participación de representes de equipos ourensáns como o Keltia, de rugby, e o Club Ourense Baloncesto. Tras este arranque, a actividade das xornadas continuará cun amplo programa de conferencias no que se abordarán cuestións como o razoamento probatorio en casos de dopaxe, o valor da acta arbitral, os retos do século XXI no eido da actividade física e a saúde, a evolución do sistema deportivo e a responsabilidade do directivo nun club ou sociedade anónima deportiva. Os relatores e relatoras participantes tamén se achegarán a temas de carácter histórico centrados na antiga Roma, como a regulación dos espazos deportivos nesa época, as gladiadoras, os custes dos espectáculos ou o estatus social e xurídico dos atletas naquel entón. Co obxectivo de dinamizar este intenso programa de intervencións tamén se proxectará a película Invictus, a raíz da cal se realizará un debate arredor do tema do deporte e dos dereitos humanos, e se afondará no caso do dereito deportivo en Italia, coa participación de expertos procedentes das universidades de Reggio Calabria, Cagliari, Parma, Bologna e Messina e do Comité Olímpico Italiano en Calabria.