DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves e venres celébranse en Vigo as Xornadas Insolvencia e Unión Europea

Un dereito de insolvencia que axuda a recuperar empresas e a emprendedores en dificultades

Organizadas pola Universidade e o Colexio de Avogados contarán coa participación de destacados exper

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 07/05/2014

Nun contexto de crise como o actual calquera sector ou actividade económica é susceptible de verse afectado por unha declaración de concurso de acredores. Dá igual que se trate dun equipo de fútbol, un medio de comunicación e mesmo un edificio, como é o caso da emblemática torre de Gherkin de Londres, os procedementos concursais, experimentaron nos últimos anos un auxe cualitativo e cuantitativo, que coloca en primeiro plano un dereito de excepción, o dereito de insolvencia. Só no período xaneiro-abril deste ano rexistráronse en España 2452 concursos de acredores, unha cifra que, aínda que supón un descenso dun 26% respecto ao mesmo período do ano anterior, pon de manifesto a relevancia que están a acadar estes procesos, que nos últimos anos están sendo obxecto de destacadas modificacións legais e regulamentarias, nos ámbitos europeo e español.

Precisamente co obxectivo de afondar nos novos mecanismos concursais, que as últimas reformas da Lei 22/2005 Concursal e do Regulamento (CE) núm. 1346/2000 sobre procedementos de insolvencia teñen introducido, este xoves e venres, organizadas polo Centro Europeo de Excelencia da Universidade de Vigo e colaboración co Colexio de Avogados de Vigo, celebraranse na sala de conferencias do Centro Cultural Novacaixagalicia, as Xornadas Insolvencia e Unión Europea: Recuperación económica e xestión empresarial. Destinadas a alumnado e profesionais da avogacía, as xornadas dirixidas polas profesoras das universidades de Vigo e Santiago de Compostela Inma Valeije e Laura Carballo, contarán coa intervención de destacados poñentes, que analizarán cuestións como as claves da última reforma da Lei Concursal, a responsabilidade de administradores sociais na inminencia da insolvencia, a insolvencia fraudulenta ou a cualificación do concurso como culpable. Os relatores serán Luigi Foffani, catedrático de Dereito Penal da Universidade de Módena e membro do Grupo de expertos sobre Política criminal europea; Jesús Calles, fiscal de Pontevedra en delitos económicos e Bernardo Feijoo, catedrático de Dereito Penal da Universidad Autónoma de Madrid; Jacinto José Pérez, maxistrado da audiencia provincial de Pontevedra e membro da Rede de expertos en Dereito da UE; Pablo González, maxistrado-xuiz do xulgado do mercantil núm. 1 de A Coruña e a propia Laura Carballo.

“O interese do tema obedece dende un punto de vista sociolóxico nun horizonte de crise económica”, explica Laura Carballo, “ao auxe cualitativo e cuantitativo dos procedementos concursais, que coloca en primeiro plano o dereito de insolvencia”. Neste sentido Carballo destaca que dende o ano 2003 estanse a suceder reformas en Dereito Concursal en España, moitas delas alentadas pola propia Unión Europea, motivadas polo feito de que “as sociedades modernas xa non miran a insolvencia do debedor como un estigma, como un motivo de vergoña. Asúmese que os negocios fracasan por diversas razóns e cómpre deseñar un dereito de insolvencia que axude aos acredores a recuperar na medida do posible a súa inversión, pero tamén aos debedores a recuperarse das súas dificultades financeiras”.

Un novo enfoque fronte á insolvencia e o fracaso empresarial

A profesora do Departamento de Dereito Común da USC coincide coa idea expresada en 2012 coa Comisión Europea sobre a necesidade dun novo enfoque fronte a insolvencia e o fracaso empresarial e que se traduce en converter o Dereito de insolvencia “nun mecanismo que axude a recuperar empresas e a emprendedores en dificultades. Do mesmo xeito tamén debería enfocarse a axudar a consumidores, isto é, particularmente en dificultades”, explica a docente. Neste sentido Laura Carballo destaca que algúns países da Unión Europea xa contan con procedementos de insolvencia específicos para consumidores que, tras analizar a súa situación económica, establecen un plan de recuperación do sobre-endebedamento consistente en, por exemplo, imporlles unha cantidade económica que deben abonar mensualmente durante un número de anos, de xeito que transcorridos estes, quedan liberados de toda débeda. Esta posibilidade , non obstante, explica a organizadora das xornadas “non existe en España e por desgraza a UE tampouco inclúe o sobre-endebedamento dos consumidores no seu novo enfoque europeo fronte á insolvencia e o fracaso empresarial”.

En canto á reforma da Lei Concursal, que pretende que a empresa en dificultades busque axuda canto antes para que o dereito de insolvencia lle axude a recuperarse e do Regulamento sobre procedementos de insolvencia que se ocupa da insolvencia transfronteiriza, Laura Carballo considera estas modificacións positivas , aínda que non obvia críticas por considerar que “o novo enfoque promovido pola Comisión baséase nuns cálculos moi optimistas e afastados da realidade práctica e descoida aspectos do dereito concursal que son claves para controlar comportamentos fraudulentos e abusivos”. explica.

Unha boa gobernanza empresarial

Ademais de analizar a necesidade de acompasar os intereses concursais e os penais, habida conta de que a lexislación vixente parte da independencia entre ambos procesos, as xornadas que se prolongarán ata o venres abordarán a necesidade de fomentar a boa gobernanza empresarial, que se traduce nun funcionamento eficaz e responsable social e economicamente da empresa, con decisións tomadas tendo en conta os intereses da propia empresa e os dos seus accionistas. “Cando a situación da empresa está próxima á de insolvencia, entón tamén cómpre ter en conta os intereses dos acredores, co fin de minimizar a súa posible perda se a empresa finalmente quebra”, explica Laura Carballo.