DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor da Universidade de Vigo presidiu este martes a reunión deste órgano

Derradeiro Consello de Campus para pechar un ano cheo de actividade

Alén da memoria de 2012 afondouse en temas como o mapa de titulacións, os orzamentos e o persoal

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 18/12/2012

O ano 2012 está a piques de rematar e estas datas convértense nun excelente momento para facer balance en diferentes eidos. No campus de Ourense quixeron pechar este exercicio convocando este martes o Consello de Campus. Na reunión, presidida por Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, fíxose repaso das accións desenvolvidas este ano pola Vicerreitoría e abordáronse cuestións coma os orzamentos, o mapa das titulacións, a situación dos profesores asociados e outras cuestións que preocupan á comunidade universitaria en xeral e á ourensá en particular.

O Consello de Campus, que se prolongou durante tres horas, contou coa asistencia de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Elisa Alén, decana en funcións da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Roberto Bustillo, decano de Dereito; Beatriz Comendador, decana de Historia; Mercedes Suárez, decana de Ciencias da Educación; Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e representantes do persoal docente e investigador, do PAS e do alumnado. Na súa intervención, Mato explicou que a Universidade de Vigo foi quen este ano de equilibrar e manter as súas contas, quedando o orzamento total fixado para 2013 en 163,2 millóns de euros. Sobre a aplicación do Decreto lei 14/2012 de 20 abril, máis coñecido como Decreto Wert, o reitor apuntou que “fomos capaces de acadar que os seus efectos e as non renovacións fosen mínimas”.

Memoria 2012

Diante dos representantes da comunidade universitaria ourensá expúxose a memoria de actividades da Vicerreitoría do campus desde a celebración o pasado 25 de abril de 2012 do último Consello de Campus. Neste balance recolleuse a intensa actividade levada a cabo, que inclúe a realización de seis convocatorias que benefician a diferentes colectivos, como o programa Ourense Exterior ou das bolsas de informática; a sinatura de 17 convenios con diferentes institucións, como a Deputación Provincial ou a Secretaría Xeral de Deportes, e a realización de diferentes obras, como o novo aulario de Ciencias Empresarias e Turismo. Tamén se expuxo a actividade deportiva celebrada, na que destaca a participación de 1200 persoas nas escolas deportivas e 920 nas rutas culturais, e a ampla programación cultural levada a cabo, con catro mostras na Sala Alterarte, seis exposicións no Outono Fotográfico, nove cursos de verán e 16 obradoiros este cuadrimestre, entre outras moitas accións.

Outros temas

Outro dos asuntos tratados foi o grao en Enxeñaría Física. A este respecto, o reitor da Universidade de Vigo quixo salientar que “nós non dixemos que non a Enxeñaría Física”. Salustiano Mato subliñou o feito de que non se aprobou ningún novo grao para o curso 2013/2014 no SUG e que de haber intentado levar un houbera traído consigo unha negativa. Cando posiblemente se abra o mapa de titulacións de grao para o curso 2014/2015, explicou, será o momento de facer propostas. “A xunta de titulación de Física fixo un traballo aplaudido por este goberno e seguimos traballando nel”, apuntou o reitor. Precisamente antes da celebración do Consello de Campus unha vintena de docentes de Física e representantes sindicais déronse cita á entrada da sala onde se celebraba a reunión para lembrar o seu desexo de acadar este grao baixo o lema “o saber non ocupa lugar”.

A preguntas dos medios, o reitor tamén apuntou que a principios de xaneiro agardan poder ter unha proposta de renovación para o decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense. Despois de dous intentos fallidos de convocar eleccións debido á falta de candidatos, Salustiano Mato explicou que se está realizando unha quenda de contactos para valorar a dispoñibilidade para ocupar este cargo entre os membros do centro, consulta que se está realizando por orde de antigüidade.