DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xogadoras perderon contra o Aviva Lourenzá por 76-43

Derrota do Campus Universitario ante o CB Allariz por máis de 20 puntos

A tempada de xadrez remata co equipo universitario no duodécimo posto da táboa

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 27/04/2009

Mal resultado para os xogadores do Campus Universitario nesta fin de semana. Máis de 20 puntos os separaron da vitoria, nun encontro que prometía tan disputado como resultou. Os xogadores do CB Allariz lograron nesta volta vencer aos ourensáns por 82-60 puntos. A clave do encontro, segundo comentou o propio adestrador, Javier Pérez, “estivo na intensidade coa que saíron ambos equipos ao terreo de xogo”. Os xogadores do Allariz estiveron moi activos todo o encontro, en cambio os ourensáns “comezamos mal e xa no descanso íamos perdendo de 20 puntos”. En resumo foi o típico encontro de final de tempada no que “un equipo ía moi motivado e outro non tiña a forza precisa para afrontar con enerxía o partido”. Tras os resultados da xornada vixésimo oitava, o Campus Universitario sitúase no undécimo posto da táboa, cun balance de 15 partidos perdidos é 13 vitorias.
Pola súa banda, a equipa feminina suma outra derrota consecutiva ás seis que xa levaba ata agora. Nesta ocasión foi o Aviva Lourenzá, sétimo clasificado, o que conseguiu vencer ás xogadoras por 33 puntos de diferencia. Un marcador final de 76-43 amosou o mellor xogo do equipo contrario; tras esta derrota o Campus Universitario feminino sitúase no penúltimo posto da clasificación con tan só un punto máis que o Maristas Cubicaje Valle Inclán.

Próxima xornada

Para o equipo masculino, a desta fin de semana será a penúltima xornada antes de rematar a tempada. Este encontro, que terá lugar o sábado 2 de maio, preséntase como o derbi universitario xa que os xogadores enfrontaranse ao Universidade de Vigo. No partido de ida os da cidade olívica lograron meterse a vitoria no peto, agora os xogadores ourensáns teñen a oportunidade de resarcirse. Ambos equipos viven unha dinámica similar, “xa que temos os obxectivos da tempada logrados e non queda moito por gañar”. O obxectivo fundamental para o Campus Universitario é “recuperar a imaxe perdida e o bo ritmo dos encontros anteriores”. A cita co derbi universitario do baloncesto será ás 18.30 horas no Pavillón Universitario de Vigo.
No caso da equipa feminina, a próxima xornada será a última da liga, aínda que a estas alturas xa está todo decidido. O seu rival nesta ocasión será o Maristas Cubicaje Valle Inclán, último clasificado da táboa, aínda que tan só se separa por un punto das xogadoras ourensás, polo que o partido promete estar disputado. O encontro terá lugar no Pavillón Colexio Maristas o domingo 3 de maio ás 12.00 horas.

Xaque mate para o xadrez

Remata a tempada de xadrez e para os xogadores do Universitario Ourense non queda un bo recordo do último encontro. No seu enfrontamento contra o Alekhine-Correduría Tempu resultaron abatidos por 3,5-05, “unha derrota abafante”, comentou o capitán do equipo, Lino Hermida. A pesar do mal resultado e grazas a que os equipos que estaban por debaixo dos ourensáns tampouco lograron vencer aos seus rivais, conseguen manterse no duodécimo posto da clasificación polo que “para o próximo ano xogaremos na mesma categoría, pero con máis experiencia”. Botando a mirada atrás o balance da tempada non é moi positivo: 16, 5 puntos e tan só un encontro gañado dos 13 que se xogaron.