DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo feminino rematou a tempada gañando contra o Maristas Cubicaje Valle Inclán

Derrota para o Campus Universitario fronte aos vigueses no penúltimo encontro da liga

Na última xornada enfrontaranse contra o primeiro clasificado, o CB Mos Noribérica

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 04/05/2009

Pouco queda por dicir para o Campus Universitario nesta tempada; cos obxectivos cumpridos, o único que agardan é rematar a liga o mellor posible pero sen presións. O enfrontamento desta fin de semana contra o Universidade de Vigo presentábase complicado, no partido de ida os da cidade olívica xa conseguiran derrotar aos ourensáns e, nesta ocasión, repetiuse o resultado aínda que cun marcador diferente: 69-64. "Corriximos os erros do anterior encontro e saímos con intensidade ao terreo de xogo, pero non logramos gañar”, comenta o adestrador, Javier Pérez. A pesar das baixas, preto estiveron os xogadores do Campus Universitario de facerse co encontro, “levamos ben o partido, na última parte íamos gañando pero entramos no último minuto empatados e cunha sanción e dous tiros, xa non fomos capaces de remontar a diferenza”. Aínda que unha derrota sempre é negativa, en liñas xerais o adestrador amósase contento “porque melloramos notablemente”. Tras este resultado mantéñense no undécimo posto da táboa.
Para as xogadoras rematou a tempada con pésimos resultados, aínda que o último partido da liga déixalles bo sabor de boca ao gañar fronte ao Maristas Cubicaje Valle Inclán. A equipa do Campus Universitario conseguiu vencer ao seu rival por 56-48, sen embargo, ao xogar contra o último clasificado, non lles serviu para ascender na clasificación, polo que rematan a tempada no duodécimo posto, o penúltimo da táboa.
A liga non foi tan positiva como se podía agardar nun principio; dos 24 partidos disputados perderon 17 e tan só conseguiron 7 vitorias, resultados que lles outorgaron os 31 puntos cos que despiden a tempada, 14 menos que o La Salle, primeiro clasificado.

Última xornada para o baloncesto

Tan só resta unha xornada para que remate o baloncesto universitario. O equipo masculino será o encargado de pechar a tempada cun encontro no que se enfrontarán ao CB Mos Noribérica, primeiro clasificado da liga con 53 puntos. O partido promete ser complicado pero tamén “o broche perfecto para despedir a tempada, medirnos cun equipo da súa talla e comprobar se podemos competir con eles”. Pérez agarda que poidan gañar o partido “e marchar cunha vitoria de vacacións”. O encontro será o sábado 9 ás 18.30 horas no pavillón universitario. Ao Campus Universitario non lle viría nada mal gañar este encontro xa que se atopa empatado a puntos e co mesmo número de vitorias e derrotas que outros dous equipos da clasificación: o Centro Óptico Xove e o CB Allariz, polo que un resultado positivo pode facer variar moito a táboa.