DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Derrota para os equipos de baloncesto masculino e feminino do campus

O equipo de xadrez logrou o empate contra o Narón

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 23/03/2009

Tres derrotas para o baloncesto universitario do campus nunha mesma semana. Deste xeito poden resumirse as xornadas que disputaron tanto o equipo masculino como o feminino do Campus Universitario.
Os rapaces, pola súa banda, tiveron dobre traballo xa que o xoves 19 enfrontáronse ao Cruz Alta nun encontro que fora aprazado en febreiro por culpa do mal tempo e o sábado 21 ao Gayolo Ford na que foi a xornada número 24. Ambos encontros remataron en derrota para os xogadores ourensáns, no primeiro caso o marcador 67-76 non reflicte a complexidade do partido contra o Cruz Alta. “A situación estivo bastante equilibrada, no último cuarto gañábamos por 12 puntos, pero ao final conseguiron empatar o que nos levou á prórroga”, explica o adestrador Javier Pérez. Neste último tramo do partido, fóra do tempo regulamentario, os xogadores víronse superados e “non puidemos aguantar o tirón”. No caso do encontro contra o Gayolo Ford a situación foi similar, “xa íamos tocados do xoves, con tres baixas”. Chegaron novamente empatados ao último cuarto e, a poucos segundos de rematar o partido, unha falta fixo que os contrarios se beneficiasen de dous tiros libres que os levaron á vitoria por 63-60 puntos. Con estes últimos resultados a clasificación varía, volvendo o Campus Universitario a ocupar o noveno posto da táboa.
Pola súa banda, a equipa feminina tampouco realizou un bo partido contra o CB San Pelayo Deportes Caneda, cuarto clasificado da liga. O mal xogo deu lugar a unha nova derrota e as xogadoras tiveron que marchar para a casa encaixando un significativo marcador 64-40. Tras este encontro descenden novamente ata chegar ao undécimo posto da táboa.

Próxima xornada

O seguinte encontro do equipo masculino xogarase na casa. Esta vez o contrincante será o CB Tui un “equipo de alto nivel que virá a loitar polo ascenso”. O partido terá lugar o sábado 28 no pavillón universitario ás 17.00 horas. “Será motivador xogar contra un conxunto da súa categoría e tentaremos dar o que se agarda de nós”, comenta Pérez. Para o adestrador, o obxectivo da tempada de permanecer nesta división xa está practicamente logrado e agora o que queda “é gozar dos partidos”.
No tocante ao rival da equipa feminina, as ourensás recibirán na casa ao segundo clasificado da tempada, o Fixagal María Pita, sen dúbida un partido complicado para as xogadoras que se sitúan a nove puntos das súas contrincantes. O encontro será tamén o sábado 28 no pavillón universitario a partir das 19.00 horas.

Empate en xadrez

A situación é máis propicia para o equipo de xadrez Universitario Ourense, aínda que como comenta o seu capitán, Lino Hermida “é mellor non dicir nada”. Esta fin de semana non obtiveron a vitoria, pero si foron quen de acadar un empate 2-2 contra o Círculo Xadrez Narón, “xogamos bastante ben e estivemos a súa altura", explica. Con este resultado saen dos postos de descenso aínda que seguen a situarse na cola da clasificación.
No próximo encontro enfrontaranse contra o Infortui, un equipo que tamén se atopa na zona baixa da táboa polo que “temos posibilidades de acadar unha vitoria”. A cita será en Tui o sábado 28 ás 17.00 horas.