DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xogadoras adestradas por Roberto Rapela perderon esta fin de semana contra o Celta Universidade d

Unha derrota saca o liderado da liga ao equipo de baloncesto feminino

Os conxuntos masculinos sénior e júnior de baloncesto e o de rugby tamén sufriron cadansúa derrota

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 05/03/2012

Non foi unha boa fin de semana para os equipos de baloncesto e rugby do campus de Ourense. Os tres conxuntos universitarios de baloncesto, os sénior masculino e feminino e o júnior, e sénior de rugby sufriron cadansúa derrota nos encontros disputados este sábado e domingo. As xogadoras que adestra Roberto Rapela viron a súa sorte truncada cando, tras perder contra o Celta Universidade de Vigo, quedaron sen o liderato da 1ª División Autonómica Feminina e pasaron a situarse nun segundo posto, aínda que moi preto do novo equipo de cabeza, o Arxil Mafari Café.

As xogadoras ourensás perderon 73-23 contra o Celta Universidade de Vigo, unha derrota que trouxo consigo que o seu inmediato competidor, o Arxil Mafari Café, ascendese ao primeiro posto. Foi grazas aos puntos positivos acumulados, pois o Universitario Campus Ourense feminino e o Arxil Mafari están empatados a 13 vitorias e 5 derrotas. Tras este resultado a loita polo liderato acentúase cada día máis nesta clasificación, mudando os primeiros postos en cada xornada por diferenzas mínimas. Por este motivo, a derrota da fin de semana non mingua as ilusións e expectativas do equipo ourensán de acadar o título de liga este ano.

Os equipos masculinos

Con menos expectativas están os equipos de baloncesto masculinos, peor situados nas súas respectivas categorías. En 1ª División Sénior Masculina o Universitario Campus Ourense mantense en décima posición despois de perder este sábado fronte ao Porriño Bto Base Grupo Pescanova por 62-84 puntos. Con 8 vitorias e 11 derrotas, os xogadores que adestra Javi Pérez continúan intentando sobrepoñerse ás dificultades das lesións sufridas polos xogadores e ao feito de estrearse nesta categoría despois de ascender o ano pasado. Pola súa banda, o Campus Ourense Blanco Amor perdeu 52-71 puntos contra o Maristas A. Un resultado negativo que coloca ao equipo júnior masculino do campus nun noveno posto na súa liga, con 5 vitorias e 9 derrotas.

Os malos resultados en baloncesto viñeron acompañados tamén por malos resultados en rugby. O Campus Ourense Rugby sénior perdeu o domingo o seu encontro contra o Mareantes R.C. cun resultado final de 13-17. O partido, que se disputou no campo de futbol-rugby ourensán, afasta un pouco máis ao conxunto universitario dos postos de cabeza que ocuparon na primeira parte da tempada.