DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ascensión Enjo achounos servindo de encadernación a outros papeis durante a súa tese

Descobren novos documentos e pergamiños do s. XIV no Arquivo da Catedral de Ourense

O obxectivo do traballo é editar fontes que permitan estudar a igrexa e a cidade das Burgas de xeito

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 15/04/2015

Buscaba transcribir os documentos do fondo catedralicio de Ourense comprendidos entre os anos 1301 e 1400 para a súa tese de doutoramento e acabou atopando novos escritos orixinais en papel, copias de documentos inéditos en traslados do século XV e de distintos pergamiños que eran empregados para a encadernación doutros papeis, fundamentalmente minutarios notariais. Ascensión Enjo conseguiu coa súa investigación non só continuar o traballo de Beatriz Vaquero e Francisco Javier Pérez sobre a edición dos escritos de entre os anos 888 e 1230, senón que co seu achado engadíronse novos documentos aos recollidos nos dous catálogos realizados por Emilio Duro nos anos setenta.

Coa súa tese, Enjo pretendía transcribir todos os documentos do século XIV custodiados no arquivo da catedral de Ourense para presentar e poñer a disposición dos distintos investigadores “fontes que lles permitan non só estudar o cabido, unha das institucións de maior importancia na historia medieval galega, o territorio sobre o que este exercía o seu dominio e a súa influenza en todos os ámbitos da sociedade, senón tamén realizar investigacións interdisciplinares ao haber moitas materias susceptibles de análise, dende a economía ás relacións políticas e institucionais pasando polas relacións sociais, a toponimia, o urbanismo, a demografía, a lingua, a relixiosidade, os efectos das epidemias...”. Ademais, a tese de doutoramento de Enjo, dirixida por Beatriz Vaquero e Miguel Romaní, sirve tamén para dar a coñecer o inmenso patrimonio documental que se garda no fondo catedralicio.

Loita contra o clima

Sen embargo, para lograr a transcrición e catalogación de todos os documentos a investigadora tivo que enfrontarse ao delicado estado de conservación no que se atopaba unha parte da documentación polo paso do tempo, o seu uso e, sobre todo, pola climatoloxía ourensá que “co seu alto grao de humidade e os fortes contrastes de temperatura favorece a aparición de manchas e a proliferación de microorganismos que deixaron a súa pegada na documentación, dificultando en ocasións a súa lectura”.

786 documentos transcritos

Enjo centrou o núcleo principal da súa tese de doutoramento na transcrición completa de 786 documentos acompañados dos seus asentos catalográficos e adoptando a numeración e as normas seguidas na colección de Vaquero e Pérez, a estrutura de rexistros, índices, bibliografías. E fíxoo prestando especial atención ás particularidades lingüísticas contidas na documentación, que recolle termos en galego, latín, castelán e portugués, e tendo como referente fundamental a norma actual de escritura e puntuación.

O proceso completouse coa elaboración de catro índices distintos: toponímico, no que se recollen e identifican os nomes de lugares citados na documentación, tanto de toponimia maior (reinos, señoríos, xulgados, concellos, diócese, cidades, vilas e aldeas) como menor (viñas, agros, casais...), con distintas variantes medievais e a referencia aos nomes de lugar actuais e a súa localización; onomástico xeral, cos nomes das persoas citadas con apelidos, profesión, cargo, parentesco ou domicilio, “incluídas as versións actuais, como por exemplo Aldonça nombre vide Aldonza”; socioprofesional, no que se organizan as persoas que aparecen nos documentos en función da súa condición social, oficio, cargo...; e documental, no que se recollen resumos dos distintos documentos ordenados cronoloxicamente.

Mentalidade de “garda e custodia”

Ascensión Enjo completa a súa tese de doutoramento cun estudo introdutorio dos documentos recollidos no que aborda temas de carácter arquivístico, paleográfico, diplomático e notarial. A investigadora parte dunha contextualización e dun breve percorrido pola historia do cabido ourensán para despois analizar a organización arquivística auriense e todas as accións levadas a cabo polo cabido para xestionar o seu patrimonio documental, “actuacións que poñen de manifesto unha mentalidade de garda e custodia, xa que non debemos esquecer que se trata de documentos sobre os que se asentan tanto os dereitos xurídicos da Igrexa auriense como a administración dos seus bens”.

Esta análise permitiu coñecer a Enjo os medios humanos e materiais destinados á conservación deste patrimonio, dende os depósitos e os sistemas de instalación de documentos ata o labor desempeñado polos cóengos e demais persoas que exerceron de arquiveiros ou as formas de acceso e control. Os documentos estudados pola investigadora procedían principalmente das chancelerías capitular, rexia e pontificia, ademais de persoas particulares.

A investigadora tamén recolleu os cinco tipos de letra que aparecen nesta colección documental, pertencentes todas ao ciclo de escritura gótica: maiúscula diplomática ou letra de privilexios para documentos solemnes da chancelería real; letra de albalaes empregada tamén pola chancelería pero para escritos menores, como mandatos, cartas misivas, cartas abertas...; curial romana, moi escasa e utilizada pola chancelería pontificia; gótica documental galega, a máis abundante na colección, “concretamente no seu sistema de abreviación e na súa evolución á escritura pre-cortesá”.

Como parte do proceso de catalogación, Enjo tamén fixo unha diferenciación entre os distintos tipos de notarios presentes na colección documental (da igrexa de Ourense, da de Santiago de Compostela, monásticos, apostólicos e reais) para, a través dunha táboa na que se recolle signo, autoridade, lugar e anos de actuación, “diferenciar aos notarios homónimos mediante a identificación dos seus signos notariais e situar no tempo aqueles documentos cuxa data se perdera ou o seu estado de conservación imposibilitara a súa lectura”.