DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Como resultado da tese de doutoramento de Olalla Iglesias

Descontaminantes de sedimentos mariños respectuosos co medio sen perder capacidade extractora

A investigadora estuda na súa tese tratamentos coa técnica electro-Fenton, que non crea contaminació

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 12/05/2014

O tratamento de zonas contaminadas depende do medio no que suceda esta contaminación, xa que diso dependerás as técnicas e tratamentos que se deberán empregar neste proceso de limpeza. A tese de doutoramento de Olalla Iglesias céntrase na análise de tratamentos avanzados de descontaminación de sedimentos mariños e efluentes contaminados. Como explica a investigadora, “nos últimos anos a aparición de contaminantes recalcitrantes que non poden ser eliminados en tratamentos convencionais e o aumento do interese público pola contaminación do medio ambiente deron lugar a unha serie de restricións e límites de concentración impostos pola lexislación”. Ante esta gran variedade de contaminantes, o proxecto de investigación de Iglesias seleccionou como contaminantes tipo tinturas e praguicidas e hidrocarburos. En concreto estuda a adición de axentes solubilizantes que permitan que as técnicas de remediación, como o tratamento electrocinético, sexan máis efectivas.

Tratamento de efluentes

A investigadora divide o seu estudo por unha banda no tratamento de efluentes e por outra de sedimentos mariños. No primeiro caso, destaca entre as múltiples técnicas que se poden empregar os Procesos de Oxidación Avanzada, “procesos non selectivos e altamente eficientes”. Dentro deles atópase a técnica electro-Fenton, “unha tecnoloxía híbrida entre os procesos electroquímicos e o Fenton, de xeito que non se crea unha contaminación secundaria debido ao ciclo catalíticos das especies de ferro, que son oxidadas e reducidas no medio. Os procesos de electro-Fenton teñen ademais a vantaxe de evitar a continua adición de peróxido de hidróxeno, “un composto inestable e perigoso”.

Pero este proceso ten tamén inconvenientes, que a investigadora analiza na súa tese. Un deles é que no seu uso en sistemas que traballan en continuo (cun fluxo de entrada e un de saída) se require unha continua adición do catalizador ferro porque este se dilúe co tempo pola perda no fluxo de saída. “A solución máis sinxela é rete o catalizador nun soporte, para o cal é necesario estudar a inmobilización ou adsorción do catalizador en distintos soportes”, explica. Por iso a tese de Olalla Iglesias se centra neste punto, avaliando distintos soportes orgánicos e inorgánicos que son capaces de reter o ferro e permitir que o tratamento teña lugar de forma máis eficiente.

Tratamento de sedimentos mariños

Olalla Iglesias analiza as técnicas electrocinéticas para o tratamento de sedimento mariños. Estas consisten na aplicación dunha corrente eléctrica de baixa intensidade entre eléctrodos, o que permite a mobilización de auga, ións e partículas pequenas cargadas. “Os anións móvense cara o eléctrodo positivo e os catións cara o negativo, o que permite desprazalos e eliminalos do sedimento”.

Para aumentara eliminación de contaminantes orgánicos pódese acoplar o tratamento electrocinético convencional co tratamento Fenton. Para isto engádese peróxido de hidróxeno nas cámaras dos eléctrodos e ferro, que reacciona co ferro do solo e xera radicais hidroxilo capaces de oxidar os compostos orgánicos. “Esta tecnoloxía híbrida coñécese como electrocinética-Fenton”.

Por outro lado, a investigadora aborda o uso de axentes quelantes para os metais ou surfactantes para os compostos orgánicos hidrófobos no tratamento de solos. “O uso destes compostos debe ser o máis respectuoso co medio ambiente sen perder a súa capacidade extractora”, explica a investigadora, polo que no seu estudo avaliou diversos surfactantes e as súas combinacións “para que faciliten o tratamento electroquímico de sedimentos mariños contaminados con contaminantes orgánicos hidrófobos”.

Conclusións

A investigación conclúe que, para o tratamento de efluentes contaminados con compostos orgánicos, o proceso electro-Fenton co catalizador inmobilizado é unha técnica que acada altos valores de degradación e permite aplicar o proceso nun tratamento en continuo sen necesidade de engadir ferro continuamente nin producirse perdas do metal no fluxo de saída.

No tocante á descontaminación de sedimentos mariños, pode levarse a cabo con tratamentos electrocinéticos para a eliminación de contaminantes orgánicos e electrocinéticos-Fenton para a eliminación de contaminantes orgánicos e inorgánicos. “En ambos casos existe unha clara mellora do rendemento cando se empregan axentes complexantes para extraer os metais da matriz e surfactantes que aumentan a solubilidade dos compostos orgánicos”.
Ademais, a posibilidade de acoplar un proceso Fenton permite degradar in situ os compostos orgánicos. “Todos os compostos que se empreguen en tratamentos de remediación deben ser o máis respectuosos posible co medio ambiente sen perder a súa funcionalidade no tratamento, polo que o uso de biosurfactantes como o Saponín permiten realizar