DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Primeira andaina do ano das rutas culturais do Servizo de Deportes este 10 de xaneiro

Descubrir os tesouros do Xurés pasiño a pasiño

Será un roteiro sinxelo de 17 quilómetros entre Olelas e Entrimo, facendo parte da coñecida como Rut

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noemí Rey DUVI 08/01/2015
O Servizo de Deportes quere comezar o ano cun roteiro cultural de altura. A quinta andaina do curso 2014/2015 será este sábado 10 de decembro cun percorrido comedido pero que levará a todos os participantes dos 350 metros de altitude do punto de partida aos 800 m ao seu paso pola Casa do Cofrade. Una ruta de “beleza incalculable” que servirá para descubrir os tesouros do Parque Natural do Xurés , “unha dos espazos naturais máis bonitos de España e cunha paisaxe moi diferente aos bosques habituais de Ourense, xa que se traba dunha zona de monte baixo”, como salienta José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros da Universidade de Vigo. Con 17 quilómetros de distancia, será a andaina máis curta desta edición, xa que a organización considera “que despois do nadal o estado de forma maioritario non é o máis axeitado para unha ruta longa.

O roteiro partirá do núcleo de Olelas, unha vila con moi pouca accesibilidade que “hoxe semella moi afastada do mundo” pero que no pasado xogou un papel esencial nas relacións fronteirizas entre España e Portugal. Dende alí os participantes irán remontando o río Leboreiro por un val glacial e “espectacular” ata Ribeiro Baixo, un ascenso no que os camiñantes estarán acompañados por paredes graníticas espidas e “a certeza de que dende o alto algún lobo observa o noso avance”. O punto máis alto da ruta será a Casa do Cofrade, desde onde se pode gozar dunhas fabulosas panorámicas do val e da serra de Castro Leboreiro e dende onde se conectará coa Ruta do Pan para descolgarse sobre Entrimo. Unha visita guiada e comentada á Igrexa de Santa María Real nesta última localidade será o broche de ouro da xornada.

Recomendacións

Aínda que a previsión do tempo é boa e se espera poder gozar dun día soleado, as temperaturas serán frías, con mínimas de 4 graos e máximas de 16. Como gran parte do percorrido discorrerá próximo ao río, con regos e nacentes de auga constantes, a organización recomenda levar roupa de abrigo en varias capas para poder ir quitando a medida que se entre en calor durante a andaina, con braga ou bufanda, gorro e luvas incluídos, e calzado que permita fixar o pé nun firme inestable e que non filtre auga. De todos os xeitos, os participantes poden deixar unha muda no autobús para poder cambiarse cando remate a ruta. Ademais, como é habitual, recomendan levar xunto coa comida propia unha mochila pequena con auga, apósitos para as bochas, navalla e calquera outro tipo de equipo aconsellable apra este tipo de actividades de deporte ao aire libre.

É importante recordar que nesta ocasión a saída para poder participar nesta ruta cultural será ás 08.30 horas dende a cafetería Bekas en Ourense, ao carón do campus; ás 07.30 horas dende as proximidades do Cafetín da Alameda de Pontevedra ou ás 07.55 horas dende a antiga Reitoría da rúa Areal en Vigo.

Como inscribirse?

Todos os interesados poderán inscribirse de xeito virtual rexistrándose a través da web e efectuando o pagamento da taxa en liña mediante tarxeta bancaria ou de xeito presencial coa folla de pagamento nas entidades colaboradoras (Santander, Abanca e CaixaBank). Como en ocasións anteriores, poden participar nesta andaina ata esgotamento de prazas persoas da comunidade universitaria ou de fóra dela, cun custe de 10 euros para o primeiro colectivo e de 15 para o segundo.