DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría abre a matrícula do curso sobre creación de páxinas web este luns

Deseña o teu recuncho na rede

Enmárcase dentro da formación gratuíta da Aula Tecnolóxica da Casa das Campás

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 31/10/2012

Dada a proliferación das novas tecnoloxías e canles de comunicación, cada vez resulta máis imprescindible dispor dun espazo propio co que facerse presente na rede virtual. Para dar resposta a esta necesidade, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra organiza para o vindeiro mes de novembro un curso sobre deseño de páxinas web, enmarcado dentro do programa formativo do primeiro cuadrimestre da súa Aula Tecnolóxica. Este obradoiro, de carácter gratuíto e accesible para toda a cidadanía, abrirá o seu prazo de inscrición o próximo luns a través da plataforma virtual Bubela.

Segundo o profesor Alberto García Ariza, coordinador da Aula Tecnolóxica da Casa das Campás, búscase achegar unha formación técnica para mellorar o nivel de alfabetización dixital dos asistentes, “ofrecendo contidos prácticos e útiles sobre temas de actualidade”. As tecnoloxías dixitais, aínda que seguen sendo denominadas como novas tecnoloxías, “xa levan con nós moito tempo”, apunta Ariza, de aí que se decida por seminarios especializados “pois os coñecementos sobre informática están consolidados e xa non son tan necesarias as ofertas xeralistas”. Precisamente esta especificidade, unida á gratuidade dos cursos, provocan unha importante demanda “e que cada vez que abrimos matrícula tarde literalmente minutos en cubrirse”.

Desta volta, o alumnado aprenderá en pouco tempo a crear o seu propio sitio na rede aproveitando editores de código aberto, accesibles para todo o mundo e de sinxela comprensión. Doce horas de docencia impartidas de 19.00 horas a 21.00 horas do 12, 13, 15, 19, 20 e 22 de novembro pola profesional Lidia Nokonoko, especializada en deseño audiovisual para afondar no proceso básico de creación dunha páxina web; localizar as aplicacións idóneas das páxinas de descarga gratuíta; familiarizarse cos elementos que conformen o deseño pensado e coas linguaxes HTML 5 e CSS3 para finalmente maquetar e dar formato á páxina web.

Vindeiros cursos da Aula Tecnolóxica

Ademais deste seminario sobre recursos web, o 8 de novembro estará aberto o período de inscrición para o seguinte curso ofrecido pola Aula Tecnolóxica, que se centrará no estudo da programación co obxectivo de achegar os conceptos básicos da programación informática a través dunha linguaxe fácil e de utilidade para a creación multimedia, o deseño gráfico, a escena artística, a representación de datos ou para a creación de sinxelas simulacións de conceptos matemáticos, físicos ou xeométricos. O último obradoiro do cuadrimestre reservarase para o mes de decembro que versará sobre maquetación e aparencia física de calquera proxecto virtual.