DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está considerado como un dos grandes representantes da moda española

O deseñador Elio Berhanyer presidirá o xurado de Debut 2012

Completan o tribunal Israel López de Desigual, a xornalista Anna Vallés, B. Hande de WGSN e o consul

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 20/11/2012

Elio Berhanyer, máis coñecido como o ‘mestre Berhanyer’, será quen presida o xurado de Debut 2012. Este deseñador de orixe cordobés considerado un dos grandes representantes da moda española no mundo coñecerá de primeira man e avaliará as propostas que presentarán os 15 estudantes da última promoción de Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, na pasarela na noite do xoves 22 de novembro. “Porán en pé o seu proxecto de moda fronte a un tribunal moi especial”, sinala a directora da escola, Lola Dopico, que finalmente o completan profesionais “de moito prestixio” da talle de Israel López, manager de desenvolvemento de produto de Desigual; Begum Hande Akcayli en representación do portal WGSN, “o altofalante máis importante de moda e gurú das novas tendencias”; Anna Vallés, xornalista de moda para El País e Juan Carlos Santos, consultor especializado no luxo e que traballa para marcas como Loewe.

“A presenza de Elio Berhanyer en Debut é unha honra para nós xa que alguén da súa traxectoria e prestixio queira vir a coñecer o que desenvolven os alumnos e alumnas en Esdemga é de vital importancia e toda unha oportunidade”, sinala Lola Dopico, que eloxia o compromiso que Berhanyer amosa coas plataformas e accións dedicadas a apoiar o deseño emerxente en España. As 15 novas promesas da moda que presentarán os seus proxectos fin de carreira así como a propia directora confesan sentirse “nerviosos” pola asistencia do 'mestre Berhanyer' “pero tamén estamos moi ilusionados”, engade Dopico, “pois Debut é un evento de gran relevancia para a nosa titulación e debemos estar a altura”.

Deseños para actrices como Ava Gardner

Autodidacta, este deseñador andaluz nacido en 1929, abandonou a súa cidade natal con pouco máis de 17 anos para instalarse en Madrid e comezar unha longa carreira profesional que o converteu nun dos modistos españois máis internacionais de todos os tempos. Nos seus máis de 40 anos no mundo da moda, Elio Berhanyer vestiu a actrices do nome de Ava Gardner ou Cyd Charisse, a personalidades como a raíña Sofía e foi o encargado de deseñar tamén uniformes das Forzas Armadas Españolas ou para as azafatas de Iberia e da Copa Mundial de Fútbol de 1982, combinando a alta costura co pret-à-porter. Na actualidade é decano dos Deseñadores de España e recentemente, cando todo o mundo pensaba que se retirara, volveu á pasarela da man da cervexa Mahou para presentar na última edición da Madrid Fashion Week unha colección retrospectiva das diferentes épocas da súa traxectoria como creador.