DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Felipe Gil, investigador do grupo de Tecnoloxías da Información:

“Deseñamos un sistema de sinatura electrónica avanzada compacta, barata e moi eficaz”

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 06/03/2009

“Unha solución compacta, barata e moi eficaz”, así define o investigador Felipe Gil o sistema de sinatura electrónica que deseñaron de forma conxunta o Grupo de Tecnoloxías da Información, o Centro de Supercomputación de Galicia, Cesga, e a empresa de consultoría en tecnoloxías da información ALDABA. Gil, responsable da investigación na Universidade, destaca que se trata dun proxecto pioneiro que achega aos actuais sistemas de certificación dixital un plus extra de seguridade e dúas características das que ata agora non dispoñía ningún outro sistema: identifica o rol que cumpre cada usuario nunha organización e inclúe un selado de tempo co que se pode comprobar o instante concreto no que se certificou ese documento.
A investigación, denominada iSEC, Infraestrutura de Sinatura Electrónica Cualificada, supuxo dous anos de intensa investigación. Agora está na súa fase final, presentarase nun par de meses e situará a Galicia á cabeza da investigación estatal sobre sinatura electrónica avanzada.

Solucións para impulsar o uso real da sinatura electrónica

O equipo de investigadores vigués, composto por tres profesores, centrou a súa participación no proxecto na creación do selado de tempo. “Son moitas as ocasións nas que é necesario verificar o momento exacto no que foi asinado un documento, xa que iso pode ter moitas implicacións, incluídas as xurídicas”, sinala Gil.
Para incluír este novidoso sistema os investigadores víronse na necesidade de buscar unha fonte fiable de tempo, xa que índices como a hora do ordenador poden estar errados e son moi manipulables. Para solucionalo recorreron aos satélites e, en concreto, á constelación GPS e o seu equivalente europeo, o denominado Galileo, “un sistema alternativo e, en gran medida, moi mellorado”. “A idea orixinal era empregar Galileo en exclusiva pero nestes intres só hai dous satélites deste sistema no espazo, e iso obrigounos a recorrer tamén ao GPS”, salienta o investigador vigués.
O feito de tomar os tempos dos satélites Galileo converte este proxecto nunha iniciativa pioneira a nivel internacional, “de feito, cando iniciamos o proxecto aínda non había receptores comerciais de Galileo e os que empregamos agora son aínda experimentais”. Dispor dunha fonte fiable de tempo destas características posibilita tamén que o sistema poida ser aplicado a outras funcións, como pode ser o axuste temporal das redes locais de ordenadores.
A contribución dos investigadores do CESGA e de ALDABA baseouse nunha aplicación nova á que denominaron Certificación de Rol, un mecanismo que permite reflectir no proceso de sinatura a identidade do asinante e o rol no que exerce esa sinatura. Isto é útil por exemplo, para visar proxectos nun colexio profesional, xa que nos sistemas anteriores o usuario tiña un certificado que o identificaba como persoa pero non co papel que cumpre dentro dun determinado proceso. “No caso de visar un proxecto dunha obra, a idea é que, ademais de que se indique que ti es tal persoa, faga referencia tamén a baixo que cargo o estás facendo”, subliñou Gil.
A solución proposta por este sistema foi probada de forma efectiva en varios casos prácticos de uso real, coma o descrito por Gil, demostrando a súa flexibilidade e facilidade de uso. A idea é difundilo primeiro entre as administracións públicas, despois no mercado empresarial para finalmente tentar expandir o proceso de sinatura electrónica a toda a poboación.

Proxecto a cargo dun novo investigador

Felipe Gil (Lugo, 1978) é profesor e investigador na ETSE de Telecomunicación. Leva participado en múltiples proxectos baixo a coordinación do profesor Francisco Javier González Castaño, director do Grupo de Tecnoloxías da Información, pero nesta ocasión foi el o encargado de coordinar o traballo. “O feito de ser ti o responsable fai que aprendas moitísimo de todo o que é a xestión, se ben contei en todo o proceso coa axuda de Francisco Javier, que ten moitísima experiencia neste senso”, indica o investigador. Xunto a Gil e González Castaño, o investigador Jorge Muñoz tamén formou parte deste equipo que contou coa colaboración doutros dous docentes da escola.
Entre as principais dificultades de dirixir un proceso destas características Gil salienta o complicado que resulta, sobre todo ao principio, estimar o tempo que haberá que dedicar a cada fase, pois “son proxectos moi novidosos dos que non sabes moito que vas poder facer e que non e canto tempo che vai levar”.