DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 21 de febreiro é posible inscribirse en oito cursos abertos a toda a cidadanía

O deseño 3D, o tabaquismo e a arte do cotián súmanse á oferta de obradoiros do campus

Os talleres poderían converterse en virtuais en función da situación sanitaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Deportes
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 02/02/2021

Un obradoiro dirixido a fomentar o abandono do tabaco, un taller no que achegarse ao deseño 3D e á fabricación de aparellos e outro que reflexionará sobre a creación artística que parte do cotián son tres das novidades da programación de obradoiros de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do campus para o segundo cuadrimestre. Desde esta semana e ata o 21 de febreiro permanece aberta a inscrición en oito talleres de entre 20 e 33 horas, entre os que tamén figura a primeira edición dun curso de escalada en rocha, un obradoiro de ilusionismo e novas edicións dos talleres de deseño web, lingua de signos e adestramento mental no deporte. Abertos ao conxunto da cidadanía, cun prezo de matrícula de 26 euros para a comunidade universitaria e de 40 para persoas alleas á institución, trátase de obradoiros de carácter presencial ou semipresencial, que, no caso de que as súas características o permitan, poderían pasar a desenvolverse de xeito virtual, se así o esixe a situación sanitaria.

A inscrición pode realizarse desde este luns e ata completar as 112 prazas que ofrecen no seu conxunto, a través da plataforma Campus Activo, onde se informará da modalidade na que se desenvolverá cada taller. “A nosa idea ofertar cada curso obradoiros que entronquen coas demandas do alumnado e complementen os seus estudos”, salienta o vicerreitor do campus, Jorge Soto, que incide na necesidade de “adaptarse ás novas circunstancias” para poder “seguir apostando pola formación permanente e continua”. 

Fabricar, crear, escalar e deixar de fumar

Entre os obradoiros que se ofertan por primeira vez atópase Iniciación ás habilidades maker. Deseño, creación, programación, autofabricación e reciclado, un taller dirixido por Miguel Gesteiro, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, que permitirá afondar no deseño e impresión de pezas en 3D, na programación de compoñentes electrónicos e na “autofabricación” de aparellos. Desenvolverase entre o 26 de febreiro e o 23 de abril, combinando clases presenciais na Aula de Novas Tecnoloxías da Vicerreitoría con sesións por videoconferencia. Tamén contará con modalidade mixta o Obradoiro para deixar de fumar. Deixar de fumar e a opción máis saudable, que dirixe o profesor e técnico en prevención de drogodependencias Manuel Isorna. Promocionar o abandono do consumo de tabaco entre a poboación universitaria e achegalos ás técnicas e tratamentos para deixar de fumar son dous dos obxectivos deste taller, que se desenvolverá entre o 1 de marzo e o 10 de maio en Ciencias da Educación e do Deporte. 

Outra das novidades será Enfoques sobre o cotián dende unha perspectiva de xénero, un taller que buscará introducir ao alumnado no papel que o cotián, o reemprego de materiais e o contextual teñen na arte contemporánea a través da obra de mulleres artistas. Dirixido pola profesora de Belas Artes Chelo Matesanz, que o impartirá xunto coa artista e docente Iria Vázquez, desenvolveranse nesta facultade entre o 15 de marzo e o 16 de abril. Por outra banda, despois de que a covid-19 impedise levalo a cabo o pasado curso, para maio está prevista a primeira edición do curso Escalada en rocha en vías equipadas dun longo, dirixido polos profesores de Ciencias da Educación e do Deporte Águeda Gutiérrez e Diego Alonso. O obradoiro levarase a cabo na facultade e na serra do Galiñeiro e será preciso ter realizado previamente un curso de iniciación acreditado para participar.

Maxia, adestramento, lingua de signos e deseño web

Desta programación forman parte tamén novas edicións de obradoiros como Adestramento mental integrado no deporte, dirixido a achegar a estudantes ou técnicos deportivos ferramentas de intervención no adestramento coas que acadar unha mellora do rendemento. Dirixido polo consultor, coach e alumno de doutoramento Hugo Fernández, que o impartirá xunto ao profesor de Ciencias da Educación e do Deporte Rubén Domínguez, desenvolverase entre o 26 de febreiro e o 26 de marzo nesta facultade. Neste centro terá lugar así mesmo, entre o 1 e o 15 de marzo, o obradoiro Introdución ao ilusionismo e á maxia. Metodoloxía e ferramentas didácticas, dirixido polo profesor da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense Millán Brea, que o impartirá xunto co ilusionista José Luis Rivera. De carácter práctico, busca afondar no uso da maxia como ferramenta pedagóxica, para o desenvolvemento da creatividade e da expresión oral. 

Tamén repite presenza na programación Comunícate coas mans II, un taller que busca dar continuidade ao curso de iniciación á lingua de signos desenvolvido no primeiro cuadrimestre. Dirixido pola profesora de Ciencias Sociais e da Comunicación Ana Fernández Soneira, trátase, de feito, dun taller para o que é preciso ter coñecementos básicos desta lingua, e que se desenvolverá nesta facultade a partires do 3 de marzo. Nesa xornada arrincará tamén, na sede da Vicerreitoría, unha nova edición do obradoiro Creación, xestión e posicionamento de páxinas web desenvoltas con Wordpress, un curso dirixido polo profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán que amosará ao alumnado como deseñar, crear e xestionar espazos web, partindo desde cero, con este xestor de contidos de código aberto.