DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas xornadas Iconotypo entre o 18 e 19 de novembro

O deseño gráfico e a tipografía toman a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Con especial fincapé no traballo de Paco Bascuñán

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
M. Del Río DUVI 12/11/2010
Se na pasada edición a protagonista foi a tipografía, as xornadas Iconotypo volven este outono cargadas de deseño gráfico. Entre os días 18 e 19 deste mes a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación converterase no centro do debate das novas tendencias e contará con profesionais de primeiro nivel en España. O director de Iconotypo, o profesor Pedro Pablo Gutiérrez, explica que o obxectivo principal é a divulgación tanto no tocante ao deseño como á tipografía para o que “conseguimos xuntar a unha serie de conferenciantes que son un referente en ambos temas”. O público obxectivo de Iconotypo é por unha banda o alumnado da propia facultade e tamén o de Belas Artes, “aínda que os relatorios están abertos a toda a cidadanía, agardando a asistencia de arredor de 60 persoas.

Un elenco de creadores punteiros

Gutiérrez destaca que na primeira edición en 2008, “para a que non contamos con moito orzamento”, puideron contar con Martín Montesinos, Andreu Balius, “pode que o mellor tipógrafo español do momento” e Marc Salinas. “A valoración foi moi positiva porque se trataba de comezar coa divulgación dun tema pouco habitual no noso país, como é a tipografía”, pero quedou un listón moi alto. Para superalo, este ano Iconotypo pasa dunha xornada a dúas e reunirá a nomes tan relevantes como Ricardo Rousselot, deseñador gráfico, tipógrafo e calígrafo, “dos poucos que van quedando”, que ofrecerá unha conferencia taller sobre caligrafía. “Ver a Ricardo escribir con pinceis, plumas, que constrúe el mesmo, ou tiraliñas, é un auténtico espectáculo”, apunta o organizador. Pero ademais estarán nas xornadas Raquel Pelta, para falar do deseño gráfico nos últimos 25 anos; Martín Montesinos, que repite para facer o propio pero en tipografía e “teremos unha mañá centrada na tipografía na rede, coa presenza de José Ramón Penelas, Joel Bucio e eu mesmo e, pola tarde, Juan Arrausi, da Escuela Elisava de Barcelona, e Jordi Cano, da Universitat Pompeu Fabra, que nos levarán ao mundo dos tipos, a dirección de arte e a estética como estratexia”. En resumo, “unhas xornadas moi completas, tanto polos temas como polo alto nivel dos conferenciantes”, conclúe Gutiérrez.

En lembranza de Paco Bascuñán

A primeira das intervencións das xornadas, a modo de inauguración, correrá a cargo do propio Pedro Pablo Gutiérrez, que fará un percorrido pola obra de Paco Bascuñán, figura emblemática do deseño español. Fundador xunto con outros creadores do grupo Enebece de deseño gráfico en 1981, dous anos máis tarde foi un dos impulsores do grupo La Nave, con dez profesionais do deseño gráfico, industrial e arquitectura que revolucionaron o panorama creativo do estado. Ademais, en 1992 pon en marcha o Estudio Paco Bascuñán, e paralelamente desenvolve o seu traballo artístico como pintor, con exposicións regulares en múltiples cidades españolas. Falecido pouco antes o acto oficial de ingreso, Bascuñán foi o primeiro deseñador gráfico que entrou na Real Academia de Belas Artes de Valencia.

Iconotypo dedicaralle tamén unha exposición de deseños, pensamento e traballo do propio Bascuñán, para que os asistentes se poidan achegar ao seu traballo.