DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O deseñador Javier Gutiérrez Bayo, novo convidado aos ‘Xoves de Moda’

No deseño só hai oco para os diferentes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 27/04/2012

Optimismo foi o que transmitiu Javier Gutiérrez Bayo ao alumnado de Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, nunha nova entrega dos Xoves de Moda. O deseñador, que dirixe coa súa socia Julia Vergara o estudo creativo con marca propia Suturno, destacou que o futuro no mundo da moda pasa pola diferenciación, “convertendo a proposta persoal nun nicho de mercado”. Esta é a filosofía que o convidado defendeu na súa interveción, pois o seu estudo está especializado na ilustración e na estampación artesanal e, ademais de crear para a súa propia marca, Bayo e Vergara tamén deseñan para outros clientes, como Marc Jacobs, Norse Projects, Jocomomola, Zara Home, Hoss Intropia, Loreak Mendian ou Graviti.

Javier Gutiérrez Bayo fixo especial fincapé en que, a pesar das circunstancias económicas actuais, “é o momento” de innovar e buscar novos nichos de traballo que acheguen unha nova perspectiva ao sector do deseño e da moda. Sinalou que grazas a esta forma de pensar, Suturno “fíxose un oco” na industria e nestes momentos son referentes no terreo da estampación téxtil. Interdisciplinares, aplican a súa técnica en ámbitos diferentes, na moda, no fogar, na gráfica.. e reflicten en todos os seus proxectos un certo toque artesanal desenvolvendo estampados con técnicas manuais de ilustración. O resultado, creacións moi persoais e elaboradas que teñen o valor engadido de estar feitas a man, que se diferencian de outras propostas por empregar unha estampación artesanal, aínda que en ocasións tamén recorren ás técnicas dixitais.

O valor da comunicación online

O deseñador madrileño tamén fixo alusión ás vantaxes que achega a comunicación na rede. A venta online e a presenza en redes sociais servíronlles a Bayo e a Vergara para promocionar a súa filosofía de traballo, ademais de visualizar e proxectar a marca internacionalmente. Como consecuencia, Bayo confesou que as súas propostas espertan máis interese no exterior que en España.

Os Xoves de Moda volven a vindeira semana co deseñador galego Manuel Bolaño, quen en 2007 abandonou o equipo de deseño de Mango para “aventurarse coa súa propia marca”. El mesmo defínese como “neo-artesán” e as súas propostas, no límite entre o deseño e a arte, “amosan o profundo coñecer que ten das técnicas artesanais de Galicia e que as pon ao día nos seus deseños”. Nesta nova edición, as xornadas buscan achegar experiencias empresariais que reinterpretan o valor do feito a man, da artesanía, dende unha óptica experimental e innovadora para que o público reflexiones sobre as tendencias emerxentes do panorama actual.