DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo se desprende da tese de doutoramento de Marcos Dopico

O deseño sufriu na última década un cambio de sensibilidade motivado pola globalización

A investigación sinala a tipografía como a disciplina onde esa viraxe é mais evidente

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI 18/11/2009

Podemos aterrar en Vigo, Nova York, Bangladesh ou Pretoria e, pese á distancia e ás diferenzas culturais, os sinais que guían os pasaxeiros ata a saída non son moi distintos. A aposta pora que se empregara unha tipografía universal, neutral e funcional está practicamente gañada. E é que, segundo expón Marcos Dopico na súa tese de doutoramento, cualificada con sobresaínte cum laude e dirixida por Sol Alonso e Anna Calvera, na última década o deseño mudou a súa sensibilidade e o expoñente máis claro deste feito é a tipografía. O traballo de Dopico é unha aproximación a un período que abrangue desde finais da década dos 90 ata os primeiros anos do século XXI. Un tempo no que se aprecia “un cambio de sensibilidade”, sinala. Nesta nova viraxe, o deseño mira ao pasado, a manifestacións da postmodernidade, ás vangardas históricas ou primeiras expresións do século XIX que dan como resultado un “feixe de revivals”.
As fronteiras perderon a súa relevancia e son os espazos máis característicos da globalización, como aeroportos, estacións de servizo, museos ou a sinaléctica das cidades e os espazos virtuais da rede os que achegan as condicións máis influentes para facer deste cambio de tendencia un fenómeno reprodutible a escala global xa que “o novo estilo internacional está preocupado polas novas necesidades dos espazos globais estandarizados, universais e neutrais”, explica.
Deste xeito, o significado do novo deseño abandona o simbolismo das manifestacións previas e adopta referencias propias, “expresándose en base ás súas propias dimensións físicas, con elementos propios do mundo do deseño, a tipografía, a composición ou o propio soporte”. Así, este cambio de dirección enténdese como unha reacción do mundo do deseño á preferencia das décadas de 1980 e 1990 polo simbolismo como un xeito “de achegarse ou asimilarse á arte, como unha maneira de buscar unha xustificación cultural na sociedade”, explica.

A tipografía, o mellor exemplo

De todas as disciplinas do deseño, a tipografía é, segundo postula Dopico no seu traballo, “a que mellor representa esta sensibilidade neomoderna” e por iso a segunda parte da súa investigación se centra na análise de períodos da modernidade no relativo ao estudo da tipografía, dos seus deseñadores e das tipografías consideradas casos de estudo máis relevantes. Neste aspecto, Dopico sinala os modelos neogrotesco, neohumanista e xeométrico, “como un exemplo claro de tipografía moderna que toma como referentes os modelos dos tipos modernos desde finais do século XIX ao XX”. As súas calidades funcionais, neutrais e universais fan deles os modelos que mellor se axeitan a esta evolución no deseño.

Un proceso vivido en primeira persoa

O período estudado na tese coincide co fin da etapa formativa de Dopico, que rematou a licenciatura en Belas Artes en 1997, e os comezos do seu labor profesional. Esta situación fixo que vivise “en primeira persoa” o cambio experimentado nestes anos no mundo do deseño e que espertou o seu interese para “reflectir nunha tese a dobre visión, desde a praxe e a investigación teórica”.
Sen embargo o proceso investigador non remata aquí. “As liñas de investigación seguen abertas no que respecta á observación do que está a acontecer hoxe no deseño”, explica. Por iso a partir de agora, Dopico centrarase na reflexión crítica sobre o deseño actual galego que por primeira vez conta cunha xeración de deseñadores formados en Galicia.