DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores da Universidade de Vigo deseñan un modelo de simulación oceánica de alta resolución

Desentrañando os segredos da circulación da auga na ría de Vigo

Permitirá achegar información fundamental na toma de decisións economicamente relevantes

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 15/05/2014

A predición das mareas vermellas, que eventualmente afectan ás rías, ocasionando importantes prexuízos económicos, está un pouco máis preto de ser unha realidade. Un modelo de simulación oceánica de alta resolución da circulación da auga na ría de Vigo, deseñado pola Área de Física da Terra do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, confírmase, segundo os seus promotores, “como un paso máis nesta dirección”, aínda que non sería a única, ao tratarse dunha ferramenta que tamén permitiría aos xestores dispor dunha información fundamental á hora de tomar decisións economicamente moi importantes, como a construción dun peirao, dunha depuradora e mesmo dunha central térmica. “Coñecer como funcionan sistemas como a ría de Vigo”, explica Carlos Souto profesor da Área de Física da Terra, “é fundamental á hora de tomar decisións que adoitan ser economicamente moi importantes, desde o deseño dunha depuradora de augas ata a produtividade dunha batea, para o que os xestores necesitan a maior cantidade de información posible sobre o funcionamento do sistema á hora de decidir que facer ou como facelo”.

Un bo modelado das correntes e da súa influencia na dispoñibilidade de nutrientes é o primeiro paso á hora de deseñar unha ferramenta que permita realizar predicións de utilidade para os xestores de recursos mariños. Introducindo todos aqueles factores que inflúen nas correntes, salinidade e temperatura, como son a marea, o vento, nebulosidade, precipitacións ou achegas fluviais, o modelo de simulación oceánica resolve unhas ecuacións físicas e como resultado devolve os valores da velocidade da corrente, salinidade e temperatura en cada punto da zona do estudo. “No proxecto desenvolvemos un modelo de alta precisión de circulación da auga para a ría de Vigo e xa foi validado con datos do propio proxecto, así como cos da rede de medidas do Observatorio Oceanográfico da Marxe Ibérica, RAIA”, explica Souto, que aínda que recoñece que “queda algún camiño por percorrer ata poder utilizar esta ferramenta de xeito operacional, dada a importancia que ten para a nosa rexión a actividade económica relacionada co mar, o retorno obtido, supera con moito o esforzo e os recursos empregados”.

O modelo de alta resolución de circulación da auga na ría de Vigo deseñado pola Área de Física da Terra do Departamento de Física Aplicada e validado con datos do Observatorio RAIA, insírese no marco do proxecto REIMAGE, no que participan as universidades de Vigo e Aveiro en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e que ten como obxectivo coñecer como afectarán á produtividade da ría viguesa o debilitamento do afloramento ibérico e as achegas de nutrientes de orixe antropoxénica, dous fenómenos que no futuro se prevé que se intensifiquen. “O cambio climático, por unha banda, está debilitando o anticiclón das Azores, que en verán xera ventos do norte, que fan que as augas das rías como Vigo sexan máis frías e ricas en nutrientes e por outra banda a presión antropoxénica está aumentando a achega de nutrientes ás rías”, sinala Carlos Souto, que afirma que “queremos saber como de importante vai ser a combinación destes dous efectos na ría”.

A precisión, a gran achega deste modelo

A hostilidade do medio mariño tradúcese no encarecemento dos procesos de toma de datos in situ, nos que calquera estrutura de metal se oxida rapidamente, a presión ameaza con inundar os aparellos e os organismos calcáreos os invaden. Fronte a estes problemas, a simulación numérica ademais de barata, ofrece a posibilidade de predicir que ocorrerá baixo distintos escenarios, é por isto que é unha ferramenta cada vez máis utilizada.

Fronte a outros sistemas, Carlos Souto, destaca no caso concreto do deseñado na Universidade a precisión que acada dentro da ría de Vigo. “O modelo usa catro mallas aniñadas, multiplicando por tres a precisión de cada malla á seguinte, comezando en 4500 metros para a máis grande, que abrangue todo o norte da fachada atlántica, desde Peniche, ao norte de Lisboa, ata a parte central da costa asturiana. A malla máis pequena, pola súa banda, utiliza celas de 150 metros de lado. Isto permite modelar a ría con gran precisión, incluso na zona máis interior”, detalla Souto.

O modelo ten ademais acoplado ao físico, un modelo bioxeoquímico, no que na actualidade traballan investigadores das universidades de Aveiro e Vigo, de xeito que o primeiro calcula de xeito independente salinidade, temperatura e correntes. “A parte da física está moi avanzada”, explica o investigador, “validamos os resultados, datos de corrente, salinidade e temperatura cubrindo practicamente un ano completo e proximamente publicaremos os resultados. O bioxeoquímico virá a continuación en pouco tempo, pois avanza tamén a bo ritmo. Cando comparemos resultados deste modelo con datos reais durante un período significativo e os publiquemos, será o momento de transformalo nunha ferramenta operacional”.

Un sistema exportable a outros escenarios

O modelo de simulación oceánica de alta resolución da circulación da auga ría de Vigo deseñado pola Área de Física da Terra será, unha vez totalmente desenvolvido e validado, facilmente exportable a outras rías e zonas da costa, iso si cun traballo extra derivado de reproducir os resultados noutros lugares que non son a ría viguesa. “Unha vez que as ferramentas estean desenvolvidas é moi sinxelo adaptalas a outros escenarios”, sinala Souto que explica que sería necesario para iso desenvolver unha nova configuración, partindo das mallas nai e filla do modelo actual e validar os resultados con datos desas rías.