DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de doutoramento de Montserrat Pestaña

O desenvolvemento dos piñeiros está condicionado por determinados insectos e fungos

O estudo permitiu identificar varias especies de fungos non asociadas antes con esta árbore

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Esmeralda L. Castro DUVI 15/03/2010

A asociación de insectos xilófagos e fungos patóxenos favorece aos primeiros a superar as defensas das plantas, conseguindo así medrar máis rapidamente e condicionando o desenvolvemento dos piñeiros cos que conviven. Este é un dos principais resultados que obtivo Monserrat Pestaña tralo desenvolvemento da súa tese de doutoramento Interaccións tróficas entre insectos e fungos en Pinus pinaster Ait., que lle permitiu tamén avaliar como as distintas porcentaxes de defoliación provocadas por insectos herbívoros afectan á colonización por fungos micorrícicos e á abundancia e diversidade das especies fúnxicas, incidindo no crecemento das árbores. As súas pescudas permitíronlle tamén identificar varias especies de fungos que nunca se asociaran antes co piñeiro.
A investigación, cualificada con sobresaliente cum laude e dirixida por Serena Santolamazza, parte do coñecemento de que os insectos e os fungos inflúen no crecemento, reprodución e supervivencia das plantas, para analizar algunhas das interaccións ecolóxicas que se establecen nas poboacións de Pinus Pinaster Ait., a conífera que ocupa a maior superficie forestal de Galicia. A autora sinala que elixiu este tema porque, malia ser consabidos os efectos que teñen sobre as plantas, “existen poucos estudos que examinen contemporaneamente a interacción entre estes niveis tróficos”. Así mesmo, sinala que “este tipo de investigacións sobre a ecoloxía básica dos ecosistemas son necesarias para poder atopar posteriores aplicacións forestais”.

Impacto da defoliación nos fungos micorrícicos

A tese está dividida en dúas partes. Na primeira Montserrat Pestaña, que traballa na Facultade de Bioloxía como técnico do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, ocúpase do impacto da defoliación sobre a comunidade de fungos micorrícicos. Para isto estudou durante dous anos o efecto dos insectos herbívoros sobre os fungos ectomicorrícicos simulando ataques de procesionaria (Thaumetopoea pityocampa). Como primeiro resultado a investigadora observou que “a defoliación provocada polos herbívoros reduce a superficie fotosintética e ocasiona respostas de compensación que inclúen cambios nos patróns de distribución de carbohidratos e biomasa”.
Con base no anterior, partiu da hipótese de que a herbivoría orixina un “feedback negativo” sobre a comunidade de micorrizas, para poñela a proba. Evaluou como distintas porcentaxes de defoliación afectan á colonización micorrícica, á abundancia relativa, á riqueza e á diversidade das especies fúnxicas. Tivo tamén en conta a resposta da planta a esta defoliación. Finalmente, a investigación demostrou que o impacto que xera a defoliación sobre o crecemento da planta hospedadora e as micorrizas depende principalmente da severidade e a duración desa defoliación. Deste xeito, a autora indica que, por unha parte, “as plantas sometidas a unha defoliación severa, é dicir, á eliminación do 75% das acículas maduras, presentaron unha redución do crecemento”. “Por outra parte, os efectos producidos por unha defoliación lixeira (eliminación do 25% das acículas maduras) oscilaron entre positivos e negativos, xa que se produciu un aumento do número de brotes e do número de piñas, pero unha redución da altura da árbore, do diámetro do tronco e da lonxitude do brote terminal, o que suxire a existencia dunha reposta compensatoria da planta ante un estrés”, engade.

Interaccións entre insectos xilófagos e fungos patóxenos

A segunda parte da tese abrangue as interaccións que se establecen entre insectos xilófagos e fungos patóxenos. Montserrat Pestaña estudou durante dúas estacións (outono e inverno de 2007-08 e primavera-verán de 2008) os efectos que produce a presenza do fungo patóxeno Leptographium serpens (Goid.) Wingfield sobre a bioloxía do coleóptero xilófago Pissodes castaneus (De Geer) cando ambos organismos comparten a mesma planta hospedadora. Para isto, en ambos períodos, traballou con 42 plantas de P. pinaster de aproximadamente 5 anos de idade, colocadas no interior dun invernadoiro e distribuídas aleatoriamente entre dous tratamentos e dous grupos de control.
Das súas pescudas a investigadora puido comprobar que o fungo non manifestou ningún comportamento antagonista cara a P. Castaneus. Na súa tese Pestaña sinala que “de feito o insecto beneficiouse da presenza do fungo patóxeno, xa que grazas a este, conseguiu superar as defensas da planta, obter máis nutrientes, desenvolverse máis rapidamente e incrementar en ocasións o seu tamaño corporal”.
Estudou tamén a capacidade do insecto para transportar e inocular esporas de L. serpens en plantas de P. pinaster, demostrando por primeira vez que P. castaneus podría actuar como vector de L. serpens, “aínda que probablemente esta relación sexa pouco habitual en condicións naturais”.
Os resultados obtidos demostran, segundo a autora, “que o control e a eliminación das árbores afectadas por estes organismos evitaría a dispersión do fungo e do insecto”.