DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CCSS e da Comunicación acolle unhas xornadas internacionais sobre comunicación institucional

Polo desenvolvemento do protocolo como unha ciencia máis aló da organización de actos

Máis de 350 persoas asisten a un curso no que participan máis de 30 expertos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 09/04/2014

A defensa do protocolo como unha disciplina científica en fase de desenvolvemento e conectada a áreas como o dereito, a socioloxía ou a comunicación, fronte á súa simple vinculación á organización de actos. Esta idea constituíu o punto de arranque do debate que se desenvolve na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación no marco do XIV Curso Complementario de Comunicación e Protocolo – III Xornadas Internacionais de Comunicación Institucional e Imaxe Pública, que dirixe o profesor Fernando Ramos, defensor do protocolo como unha disciplina que aglutina costumes e usos sociais e normas xurídicas e éticas e “que pode chegar a ser unha ciencia”.

A discusión sobre a configuración dunha disciplina científica do protocolo centrou precisamente o primeiro panel dunhas xornadas que entre este mércores e mañá xoves reúnen na facultade a preto de 30 expertos e a máis de 350 alumnos e alumnas e que levan por título A pedagoxía do protocolo. O valor educativo desta disciplina, “o seu gran labor pedagóxico á hora de ensinar a facer as cousas correctamente”, foi tamén destacado polo director do curso nun coloquio no que tratou de achegar unha “visión distinta” á de aqueles que ven o protocolo como “unha actividade auxiliar das Relacións Públicas”. O profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación incidiu no seu relatorio en que, ao longo da historia, as diferentes sociedades foron desenvolvendo unhas normas e unha linguaxe simbólica que definía as súas institucións a través das cerimonias, concepto que Ramos insistiu en diferenciar dun “simple acto cunhas normas de organización, como pode ser un concerto ou unha entrega de premios”. Por iso, fronte a aqueles que comprenden o protocolo “como unha mera técnica”, existen tamén persoas, salientou, “que defendemos que pode chegar a ser unha ciencia, na medida en que se aplique unha metodoloxía científica na súa investigación e se apoie noutras disciplinas”.

Ao servizo das institucións, non dos políticos

Nuns termos similares pronunciouse neste debate o ex-presidente da Organización Internacional de Cerimonial e Protocolo (OICP) Jorge Salvati, que aludiu ás “sólidas bases de tipo xurídico” sobre as que se asenta o protocolo, como tamén fixo a profesora da UNED Dolores Sánchez, que definiu esta disciplina como “a forma na que unha administración se comunica cos seus administrados”. Partindo desta idea, a conferenciante incidiu na “finalidade comunicativa” do conxunto de normas e usos e costumes que integran esta disciplina e que “visibilizan a organización do poder nunha administración”. A este respecto, Vázquez puxo sobre a mesa un dos problemas que, ao seu xuízo, atravesa esta área en España, o descoñecemento por parte da cidadanía das súas administracións, cuestión que vinculou a unha “utilización retorcida do protocolo por parte dos políticos”, xa que, recalcou, “o protocolo non está ao servizo dos políticos, senón das institucións”.

Un curso que ofrece unha “imaxe fiel” da Universidade

O intento do director destas xornadas “de poñer en valor o protocolo como disciplina nestes tempos que corren” foi posto de relevo polo decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Manuel Corbacho, no acto inaugural deste curso. Na súa intervención, Corbacho tamén fixo énfase no “gran número de alumnos e exalumnos” que reúne unha actividade dirixida a poñer en contacto ao estudantado co mundo profesional da comunicación, as relacións públicas e o protocolo. Tamén expresou a súa satisfacción pola “vitalidade” das xornadas o presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa, que viu nesta actividade unha “imaxe fiel” da institución académica e daquela “sociedade con inquedanzas, que vive con expectación actividades como estas, nas que todos somos alumnos que nos seguimos formando ao longo da vida”.

Na súa intervención inicial, o director destas xornadas internacionais quixo trasladar o seu agradecemento tanto ao Consello Social como a Vicerreitoría do campus e á Secretaría Xeral de Medios polo seu apoio ao curso “máis antigo da Universidade, que conta co número de alumnos máis elevado do sistema universitario galego” e que se retransmite en directo a través de Uvigo TV.

As xornadas arrincaron cunha homenaxe ao recentemente falecido director do Máster de Protocolo da Universidad de Salamanca, José Luis Delgado, que foi recordado coa proxección dun vídeo realizado pola profesora da facultade Anna Amorós, tralo que a pedagoga Laura López Atrio impartiu unha conferencia sobre as cidades educadoras e creativas. Así mesmo, a primeira xornada deste curso complementario contou tamén cun relatorio do decano Juan Manuel Corbacho centrado en explicar o papel do Consello Social da Universidade como elemento visible das relacións internas e externas da institución académica e coa participación do restaurador Benigno Campos, presentador do programa da TVG Larpeiros, que acompañado pola investigadora Marta Peláez abordou a función da gastronomía nos actos sociais.

Por outra banda, a comunicación de institucións como a Igrexa Católica ou a Garda Civil tamén será obxecto de análise nunhas xornadas que se clausurarán na tarde do xoves cun relatorio sobre a imaxe do presidente de Estados Unidos, Barack Obama, e o Papa Francisco, a cargo de Juan Orozco, director da consultora Protocollum.