DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na tese que o investigador do CIF Lourizán Alberto García realizou no doutoramento do Campus Crea

Desenvolven un modelo de resinaxe específico para os montes galegos

Identifica o método que permitiría acadar unha maior produción

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 07/07/2023

As súas propiedades químicas e as súas múltiples aplicacións, sumadas ao feito de que constitúe unha alternativa ecolóxica aos combustibles fósiles, fan que o aproveitamento da resina, un fluído que segregan árbores como os piñeiros, se convertese nun mercado en auxe nos últimos anos. Co obxectivo de “adaptar o aproveitamento resineiro ás características do monte galego”, o investigador Alberto Gacía Méijome estudou a influencia de diferentes variables no método de resinaxe de pica de cortiza con estimulación química en masas de Pinus pinaster Ait. Os resultados do traballo que desenvolveu no Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIF Lourizán), no marco do programa de doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible do Campus Crea, reúnense nunha tese que propón, como explica, un “modelo de resinaxe propio” para Galicia.

Este ten como obxectivo permitir que a extracción de resina poida ser unha actividade complementaria ao aproveitamento da madeira e que ademais teña en conta as particularidades do monte galego, que implican, como explica, uns rendementos e custos diferentes aos de piñeirais doutros puntos de España. Concretamente, a súa investigación constatou que a realización nestas árbores de dúas picas, incisións na cortiza ás que se lle aplica un estimulante químico, de 16 centímetros de ancho “é o tratamento que permite unha maior produción”. Nunhas condicións óptimas, apunta, este permitiría traballar unha media de 2000 piñeiros por campaña, nunha superficie aproximada de oito hectáreas, podendo obter uns mil quilos de resina en cada unha.

“A maior densidade dos montes galegos, xunto coa orografía adversa e o abondoso mato, inexistente noutras zonas da península, condicionan a resinaxe”, recoñece García, que explica que se ben no resto de España “está lexislada a realización de picas de cortiza dunha cara de 12 centímetros”, en Galicia “permítense diferentes anchos e varias caras”, nunha extracción que debe realizarse tres ou cinco anos antes da corta. Partindo deste marco, analizou en diferentes masas de piñeiros os rendementos que poderían obterse realizando unha ou dúas incisións de diferentes tamaños, recollendo os resultados na tese Modelo de gestión sostenible para el aprovechamiento compatible de madera y resina en masas de Pinus pinaster Ait. de Galicia, que levou a cabo baixo a dirección do profesor e director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, e do investigador do CIF Lourizán Esteban Gómez.

Tres parcelas de investigación

Tamén chamado “método americano”, o método de pica de cortiza aplícase principalmente na especie Pinus pinaster Ait., na que se centrou este estudo, en exemplares de máis de 30 centímetros de diámetro e é compatible co aproveitamento madeireiro. Nun traballo desenvolvido en tres parcelas de investigación, situadas en Caldas de Reis, Maceda e Porto do Son, que implicaron traballar con preto de 2000 árbores, García estudou os rendementos que se acadarían realizando picas de 12 ou 16 centímetros nunha ou en dúas caras opostas da árbore, así como os obtidos cunha incisión máis ancha, de 20 centímetros. Os resultados deste estudo amosan que o modelo óptimo sería a realización de picas en dúas caras opostas da árbore e que estas tivesen 16 centímetros de ancho, coas que se acadaría unha produción entre un 11% e un 14% superior que con incisións de 12 centímetros.

Este modelo debería aplicarse, como explica, “sempre a fin de quenda”, tres ou cinco anos antes da corta, para non afectar a madeira, e implicaría a realización de picas cada 14 días nas dúas caras, ata un total de 14 durante toda a campaña. Deste xeito, poderían chegar a acadarse preto de mil quilos por hectárea, traballando nunha superficie de aproximadamente oito. Non obstante, o estudo tamén constatou que a produción de resina no noroeste peninsular “varia considerablemente entre parcelas” e mesmo entre árbores dentro dunha mesma parcela, de tal xeito que ademais do número de caras, neste aproveitamento inflúen tamén outros condicionantes como a localización ou a temperatura media, sendo maior o aproveitamento nas parcelas que esta é máis elevada. 

Compatible co serrado

A investigación de García Méijome abrangueu tamén a realización de “probas industriais de serrado”, que permitiron constatar que este modelo de resinaxe ao final da quenda non causa afeccións na madeira ou faino dunha forma moi localizada, confirmando a súa compatibilidade co aproveitamento madeireiro. “Era moi importante responder as dúbidas que xurdían entre os principais produtores de madeira de piñeiro, sobre se o aproveitamento resineiro podería afectar á madeira destinada a serrado e así poder dar resposta ao rexeitamento previo existente a esta actividade”, salienta este investigador.

Un modelo trasladado aos modelos silvícolas da Xunta

Os resultados da investigación que defendía recentemente no CIF Lourizán foron así mesmo “precursores de novos modelos silvícolas no ámbito lexislativo autonómico”, destaca. No ano 2021, “pouco despois de comezar a presentar os primeiros resultados” dos estudos integrados nesta tese, a Xunta de Galicia recollía no decreto de novos modelos silvícolas ub modelo de produción mixta madeira-resina en piñeirais (modelo PMR), regulando este aproveitamento “segundo os resultados dos nosos estudos”, apunta García.