DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jesús Hernández, vicerreitor do campus de Pontevedra:

"Desexamos comezar os traballos das infraestruturas que temos proxectadas, pero nalgúns casos non está nas nosas mans facelo"

Insiste na necesidade de que a Universidade dispoña dos terreos de Tafisa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Camino Carballeira DUVI 04/02/2009

Os grandes proxectos convén abordarlos con prudencia e, como na construción das casas, asentar os cimentos é o primeiro paso. Nese punto sitúa o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, o labor desenvolvido durante os últimos dous anos. Nalgúns casos xa comezan a verse os froitos como é na “aproximación á cidade de Pontevedra”, ou da programación cultural e deportiva, “avaladas polo número de participantes”. Ante o reto que se lles presenta ás facultades e escolas con motivo da adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, o vicerreitor ofrece “todo o apoio” aos centros. Nos últimos tempos o cabalo de batalla están a ser as infraestruturas e aínda que algunhas van por bo camiño, como é o caso da gardería do campus ou o edificio de laboratorios da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, outras, como o Edificio das Artes, “non é que esteamos cos brazos cruzados, senón que temos cadeas”, indica.

Neste último ano, o labor da Vicerreitoría concentrouse en consolidar a descentralización e promover unha serie de actividades e programas para vincular a Universidade coa cidade de Pontevedra. Está satisfeito co traballo realizado?
O primeiro ano foi unha toma de contacto e o segundo tamén. No primeiro encargámonos de situar todos os programas e sinalar os obxectivos a acadar en función do noso proxecto de cumprimento a nivel electoral e de forma de entender o campus. Unha vez que tanto a Vicerreitoría como as Direccións de área e o organigrama están creados, a medias porque vai facéndose, comezamos a poñer en marcha programas. Neste ano pasado consolidamos a nosa oferta de Extensión Universitaria e Cultural, cunha programación de primavera e outra de outono, intercalando os cursos de extensión universitaria e apoiando actividades arredor do campus e cos centros. Eu creo que iso xa está perfectamente estruturado e funciona bastante ben. Está feito co obxectivo de chegar non só á comunidade universitaria senón tamén á cidade de Pontevedra. Neste sentido, a Casa das Campás xa ten identidade de marca e alí sucédense ciclos de cine, relatorios, cursos tecnolóxicos... aínda que de pequeno número porque a casa tamén é pequena. A medida que pasen os anos, se continuamos incidindo neste tipo de estruturas acabaremos tendo a Casa das Campás como un sinal de identidade da Universidade de Vigo na cidade.

Deste xeito, a Casa das Campás actúa como nexo entre o campus e a cidade, debido tamén a súa situación?
Queiramos ou non a Casa das Campás está onde está. Foi un compromiso da Universidade e o Concello. Eu non sei se estaría mellor no campus ou aquí. Se estamos aquí, estamos afastados do campus; se estamos no campus estamos afastados da propia cidadanía. Temos que buscar a propia dinámica da Universidade, xa en si mesmos os centros teñen a estrutura universitaria. Nós apoiamos aos centros desde outro ámbito, non desde o ámbito da rutina e dos seus obxectivos senón con outro tipo de accións que temos que impulsar. Eu creo que os centros deben de ser independentes, deben de actuar como Universidade e de feito, teñen os seus órganos, as súas reunións... porque é bo que os centros tamén teñan identidade. A Vicerreitoría apoia toda a infraestrutura administrativa e de organización, que creo que cada vez é mellor. A descentralización este ano farase moito máis patente para todo o que sexa útil para os profesores e o resto da comunidade universitaria e iso irase notando pouco a pouco. Creo que a Vicexerencia está facendo un labor encomiable nese sentido, un labor de campus perfectamente identificado para que os universitarios do campus de Pontevedra teñan as súas sedes administrativas e os seus procesos administrativos aquí. Tanto estudantes, como profesores e PAS.

Un dos fitos do ano pasado, foi a implantación do grao de Belas Artes, o primeiro da Universidade de Vigo. Que valoración fai destes primeiros meses de andaina?
Iso é un logro da Facultade e non da Vicerreitoría, porque é o centro quen ten que poñelo en marcha, facer o programa, o plan de estudos e poñelo en práctica ao longo dos anos. O esforzo é do centro e por iso ten unha identidade propia. A Vicerreitoría apoia en todo o que poida, pero neste caso, ten máis apoio da Vicerreitoría de Titulacións e Converxencia Europea ou o de Profesorado. Porque non somos independentes, iso ten que quedar claro. A vicerreitora de Titulacións tamén é da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Esa é a estrutura e nós o que temos que facer é dulcificar e facer máis presente a vida universitaria dentro da cidade de Pontevedra.

A descentralización das actividades deportivas tamén responden a este esquema?
O ano pasado foi a descentralización só de presuposto. Fixemos unha serie de actividades que máis ou menos xa viñan programadas pero este ano ademais temos o pavillón, que se convirte na instalación onde se localizan os programas da Vicerreitoría exclusivamente. Temos a sala fitness, que xa está sendo un éxito sen apenas anuncialo. Roda só. É como o da Aula Tecnolóxica. Abrimos a matrícula e ás dúas horas xa está completa. Denota que ese tipo de accións e proxectos son bos. En Deportes agora tamén estamos traballando nunha serie de proxectos ao longo do ano que esperamos que den froito e sexan ben acollidos. Eu creo que esa parte a temos más ou menos armada. Custounos dous anos de infraestruturas que tiñamos que axeitar polo deterioradas que estaban, sobre todo o pavillón, pero neste momento xa está. Eu creo que pode ser acertado ou equivocado pero estamos facendo unha política universitaria de extensión tanto en deportes, como cultura ou cursos e conferencias que os números avalan. As nosas ofertas énchense.

Nesa aposta polo pavillón, que remodelacións quedan por facer?
O proxecto remodelación do pavillón é a dous anos e medio ou tres anos e temos que ir progresivamente investindo nel. Non se pode facer todo dunha vez porque primeiro hai que arranxar unha cousa e despois outra. Atopámonos cun pavillón que non tivo mantemento. Non hai ningún culpable pero simplemente non o houbo e o deterioro foi bastante grande. O que propuxemos e planificamos era abordar unha reforma estrutural ata chegar a que sexa unha instalación axeitada para as actividades deportivas. Este ano está presupostado poñer o chan, acabar coas goteiras e facer certas remodelacións menores, que aínda son precisas. Xa fixemos vestiarios, sala fitness, cubertas... Está en proxecto que este ano se remate de executar e despois só será mantemento. Aí está, é para a comunidade universitaria e tamén para a cidadanía de Pontevedra. Para as actividades que se propoñan aquí e tamén para aquelas que veñan propostas desde fóra. É bo mesturarse coa cidade tamén en actividades deportivas.

Para os próximos anos, en canto a infraestruturas, hai moitos proxectos sobre a mesa. Como van as obras?
Nós desexamos comezar aquilo que temos pendiente e proxectado, pero non está na nosa man o poder iniciar ese tipo de cousas. Iso tamén depende das autoridades políticas e dos procesos administrativos. Temos a gardería que é unha infraestrutura para conciliación laboral de toda a comunidade universitaria do campus que é inminente a súa construción. O proxecto está practicamente acabado e faltan só un par de cousiñas para poder levalo a contratación e que saia a concurso. Se todo vai ben eu espero que a gardería estea terminada antes de finais de ano. Un edificio destas características, uns setecentos metros cadrados, non debe levar máis dun ano de construción.

Algo no que xa se está traballando é o edificio de laboratorios da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte
A fase de laboratorios xa está en marcha e tamén é inminente a reunión das partes para facer a acta de repranteo para iniciar as obras. Os vestiarios, que é a outra parte que falta, esperamos que antes de finais de ano estean rematados. Todo isto vai ben, sempre con algún retraso porque as obras nunca son ao cen por cento, pero van sobre o previsto para cumprir este ano cos obxectivos.

Vostede ten manifestado reiteradamente que Belas Artes require dun novo espazo, pero neste asunto xa hai máis problemas por mor da cesión dos antigos terreos de Tafisa. Haberá novidades en breve?
O Edificio das Artes é o proxecto desexado e seguimos como ao principio, como ao principio dos tempos. Quero dicir que a Universidade fixo todos os deberes que tiña que facer. Fixo o seu concurso internacional en 2005, adxudicouse, gañouno un proxecto de Juan Creus e Covadonga Carrasco que non cumpría todas as condicións porque non era un proxecto, senón unha idea. A idea adecuouse á nova situación de parcela que nos deron, que non era a inicial. O arquitecto traballou niso, adaptouno aos límites da parcela e a todos os requisitos legais urbanísticos e a día de hoxe aínda estamos esperando ter terreos. E iso non depende de nós, depende do Concello. Segundo a acordo de 2004 as obras comezarían no 2006. Estamos en 2009 e non temos terreos. A nosa vontade é que nos entreguen os terreos este ano. Antes de xullo se é posible. O Concello di que todo vai ben, pero levamos dous anos co “todo vai ben”. Nós estamos dispostos a esperar ata este ano pero xa empeza a ser unha necesidade absoluta porque Belas Artes, cada día que pasa, e co novo grao demóstrase aínda máis, ten unha insuficiencia estrutural moi grande para unha titulación de 700 estudantes.

Outro punto no que a Universidade ten que negociar co Concello é a urbanización do campus
Nós, ao longo do ano pasado tivemos conversas co Concello e coa delegación de Educación. Porque se nós imos ter un campus ás dúas marxes do río, o lóxico é que a nosa área de influencia fose toda a estrutura entre a cidade e o río. A Illa das Esculturas é un proxecto do Concello que non conta coa Universidade. Nós quixemos facer unha intervención global de área cidadá, parecíanos moi importante para o campus, e non só para o campus senón para a bolsa de 4000 estudantes que hai aí entre Bacharelato, ESO, Escola de Idiomas, Primaria e Infantil. Nesa zona abárcanse desde os tres anos e ata a licenciatura. Se non lembro mal, arredor dunha bolsa de 8.000 estudantes. E unha bolsa de 8.000 estudantes nunha cidade que ten 80.000 paréceme un 10% de poboación, aínda que só sexa de estudantes, que vive aquí, ou polo menos está aquí e a noso equipo parecíalle imporante a unión entre a cidade e non só o campus senón toda esa área de formación desde infantil ata a universitaria. Parece que non ten moito eco, que non hai moito interese e nós creo que unha vez que teñamos construída o que falta da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e a gardería procederemos a un proxecto de urbanización das nosas parcelas, onde se poida intervir. Non nos parece o idóneo para o campus, pero cando non hai vontade de intervir nunha área global... A idea da pasarela peonil foi unha idea do equipo da Vicerreitoría. E pareceunos moi boa porque só hai que atravesar todos os días por aí para ver que hai un semáforo, que non é un tránsito se non todo o contrario. Ademais eu creo que habería que recoller a ponte e levala ata o campus pasando polo Pazo da Cultura para unilo coa cidade e pasando por todos os institutos e facultades e escolas. Era un plan sinxelo e fácil de ver a nivel de construción da cidade e de construción dunha bolsa moi importante de persoas que son usuarios da cidade. Era unha idea que podía funcionar moi ben. Nós iremos facer un proxecto de urbanización de campus que non é moi grande, pero que dea a oportunidade de que iso poida ser factible nun futuro.

Sen embargo, o Premio SICE que lle outorgaron recentemente á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte é unha recompensa pola aposta por este tipo de proxectos arquitectónicos.
Eu creo que ata o de agora no campus de Pontevedra a arquitectura non se tiña coidado tanto como noutros, o de Vigo sobre todo. O contedor e o contido hai que coidalos. E iso xa depende das persoas, dos colectivos universitarios e equipos directivos. O espazo tamén fai que a educación sexa dunha determinada maneira ou doutra. Se non tes unhas instalacións axeitadas dificilmente vas poder realizar todos os proxectos de programación na ensinanza. Eu creo que as instalacións han ser, non as ideais, pero sí as axeitadas e se ademais ten unha carcasa que leva premios nacionais moito mellor. Non digo que sexan belas ou feas pero se recibe premios a nivel nacional é que é unha arquitectura contemporánea que se recoñece. Eu creo que é unha arquitectura boa pero non todo o mundo opina igual. É un bo espazo, moi ben pensado e a medida que pase o tempo os usuarios se darán máis de conta diso porque tamén hai que aprender a habitar un edificio. De todas formas o edificio non está acabado, e a xente non se dá de conta diso. Faltan cousas. Cando estea acabado poderase ver se cumpre as condicións tal e como se formularon as necesidades. De feito o edificio das Artes é outra aposta pola arquitectura, porque se fixo un concurso internacional de ideas cos mellores arquitectos, non só de España senón do mundo, premios Pritzker incluídos. Eu creo que unha institución pública e de ensinanza superior onde se imparte coñecemento ten que apostar por uns contedores capaces de albergar a dinámica dos tempos e a arquitectura tamén é iso.

Cando remate o seu tempo á fronte da Vicerreitoría, con que sabor de boca se quedará?
Quedarei con bo sabor de boca se dicimos que os ingredientes, a materia prima... é boa. Cando unha Vicerreitoría comeza eu creo que ten que dar as estruturas. A nivel administrativo ou de planificación e extensión universitaria, pódense cambiar as cousas. Pero ter uns parámetros para que funcionen os programas que están vinculados e descentralizados na Vicerreitoría creo que é poñer os cimentos para que teña unha dinámica no futuro, non para que se pare. E o meu obxectivo é ese. Non temos terreos en Pontevedra como poden ter en Ourense ou Vigo. Non hai posibilidade de ter un terreo situado xunto aos do campus, é imposible. Entón eu creo que hai que traballar co que hai. É moito máis limitado que nos outros campus. Ourense asinou un convenio de miles de metros cedidos. Vigo ten un territorio inmenso, e sen terreo non se poden facer instalacións. Eu creo que temos un dos campus que pode ser dos máis belos, pequeniño pero coqueto, sobre todo se nos deixan estar ás dúas beiras do río. Porque tamén se nos prometeu unha parcela en Tafisa para pisos para estudantes, que está no mesmo punto, parado porque os terreos de Tafisa aínda non están pasados ao Concello. Se estamos vendo que temos unha instalación deportiva deste lado do río, poderíamos ter unha instalación para estudantes, pisos para alugar a bo prezo e queremos un edificio para albergar diferentes titulacións e algunha nova no futuro, e temos á outra marxe catro centros eu creo que crear esa corrente, esa sinerxía poderíamos facer que o noso campus sexa o que todos desexamos. O problema está en que o desexo, ás veces, só é desexo.