DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O desfile "Debut'08" de Esdemga quenta motores cos workshops de moda

Deseño de estampación, ilustración e estilismo de alta costura son os obradoiros impartidos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 24/11/2008

A conta atrás para o desfile Debut'08 comezou este luns cos Workhops de moda incluídos na programación de PontevedraDebut. Máis de sesenta alumnos dos Estudos de Deseño Téxtil e Moda de Galicia e de Belas Artes participan nestes obradoiros que xiran ao redor de tres campos: o deseño de estampacións, a ilustración de moda e o estilismo de alta costura.
Chinchetas, lambetadas, macarróns, follas das árbores, globos… o arsenal dos alumnos que comezaron o workshop con Poti Poti era moi variado e responde ao modo de traballar desta parella de deseñadores. Detrás de cada un dos seus estampados subxace un obxecto da realidade que lles serve de punto de partida para a elaboración dun pattern. Nun xogo infantil de pezas de madeira está a orixe dunha das súas últimas coleccións. A fórmula funciona, porque Poti Poti ten colaborado con compañías como Mazda ou General Optica e ten sido presentada en diferentes exposicións e pasarelas, como El Ego de Cibeles. É por iso que animaron os alumnos a “crear a súa propia historia” e experimentar sobre ela.
Ao longo destes tres días, os alumnos tamén terán a posibilidade de aprender os segredos da ilustración de moda da man de José Luís Merino. Neste obradoiro o reto que se lle presenta aos alumnos é o de realizar unha ilustración, mediante a técnica collage e só con imaxes impresas e telas de diferentes estampados, en base a un texto elixido. En todo o proceso recibirán os consellos de Merino, que leva máis de vinte anos traballando como deseñador gráfico en diferentes axencias de publicidade e deseño. Pola súa banda, Casimiro Fernández propón traballar desde un plantexamento eminentemente práctico na construción, articulación e deconstrución de prendas cara un estilismo de alta costura. A base desta proposta é a concepción do deseño, pero tamén da costura, como espazos de experimentación.
As leccións que tanto Poti Poti como José Luís Merino dean nos obradoiros que se están a desenvolver na Facultade de Belas Artes complementaranse cos relatorios que o luns e o martes, respectivamente, ofrecen, a partir das 19.00 horas, na Casa das Campás.

Colaboracións froito dos Xoves de Moda

A relación dalgún dos mestres que viñeron achegar a súa experiencia, como Poti Poti, coa Universidade de Vigo non é nova. Hai tres anos, Silvia Salvador e Nando Cornejo, participaron nos Xoves de Moda e estableceron contacto con Esdemga. De feito, a filosofía destes obradoiros ten moito que ver con esa actividade aínda que neste caso preferiuse darlles un cariz máis práctico do que os alumnos tiren máis beneficios para a súa formación.