DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola e a empresa barcelonesa embárcanse no 'Proxecto Célula'

Desigual quere capturar a frescura de Esdemga

Alumnos de primeiro curso crearán tres prendas e un bolso cunha mesma liña de deseño afín á marca

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 23/11/2011

Pode que nun futuro non moi afastado un alumno ou alumna de Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, teña deseños á venda nas tendas de Desigual. Esta é unha das posibles saídas do Proxecto Célula, unha colaboración entre a marca barcelonesa e a escola co fin de achegar ao alumnado de primeiro curso á realidade do mercado da moda. “Aínda que o proxecto se atopa nos seus inicios, a fórmula de traballo creativa de Desigual ten moitos puntos de conexión coa escola, polo que teñen moito interese en coñecer aos nosos estudantes”, explica Lola Dopico, directora de Esdemga.

O Proxecto Célula nace da man de Xosé Castro, “profesor de Esdemga e que traballa habitualmente coa marca”, comenta Dopico. Foi o propio deseñador quen estableceu as bases da colaboración, “pois Esdemga é moi Desigual, pioneira en esa capacidade de mesturar o tradicional e o feito a man co novo, o que é de moito interese para a marca”, sinala Castro. O modisto será o encargado de guiar esta iniciativa, na que cada estudante deberá crear tres estilismos e un bolso “coherentes entre si, cuns deseños frescos, xenuínos e comerciais que fagan vibrar”, a partir dunhas pautas marcadas pola propia empresa. Trátase “dun primeiro experimento” no que, dunha forma moi profesional, os novos talentos da moda deberán crear un conxunto de prendas cun estilo propio pero que ao mesmo tempo defina a Desigual, “buscando o balance entre o concepto de empresa e o que realmente é un como deseñador”.

Como sinala a directora de Esdemga, para os estudantes de moda esta colaboración supón unha oportunidade inmellorable para coñecer de primeira man como é unha empresa por dentro e como se desenvolve unha colección en realidade, dende o seu inicio ata a comercialización, “sufrindo cando caen pezas da colección ou cando a pesar do esforzo non interesan á tenda porque os gustos do mercado son diferentes”, exemplifica Dopico. O proxecto desenvolverase con alumnado de primeiro curso, o que pode supor “unha aprendizaxe dura pero transcendental, pois así aprenden dende o inicio que ser deseñador non é unicamente un proceso creativo, senón que existe unha empresa que limita e contextualiza”, aclara, o que lles permitirá nun futuro “desenvolverse profesionalmente con maior seguridade”.

Que busca Desigual?

A marca Desigual estivo representada no campus de Pontevedra por Irene de la Rosa, directora de produto e comunicación, e por Nínive Rodríguez, deseñadora senior de Desigual, que trasladaron ao alumnado de Esdemga o seu perfil ideal de deseñador. “Na empresa buscamos persoas creativas, positivas, innovadoras, frescas e que saiban traballar en equipo”, unhas características moi en consonancia cos valores da marca, moi centrada en experimentar e mesturar distintas técnicas e colores, “con proxectos e deseños que en outras marcas serían inadmisibles”, apunta De la Rosa. Na canteira de Esdemga buscan “talentos que sexan quen de fuxir do efémero, de crear algo novo e con estilo propio, cunha visión de moda diferente á de todo o mundo, única, pero que sexa comercializable”, matiza Rodríguez.