DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alberto Gago defende limitar a suba pola desaceleración académcia

Desigual seguimento da xornada de folga convocada polos Comités Abertos de Facultade

Coa paralización das taxas e a supresión da selectividade como principais reivindicacións

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Romina Vázquez DUVI 29/04/2008

Cun desigual seguimento nos centros do campus de Vigo está a desenvolverse a xornada de folga convocada polos Comités Abertos de Facultade para protestar pola suba continua das taxas académicas. Así, “mentres que en Filoloxía e Tradución a totalidade dos alumnos se sumaron ao paro, nas ETSE de Industriais e Telecomunicacións impartiuse clase, pero as aulas estaban medio valeiras”, tal como apunta Xavier García, membro do sindicato estudantil, que puntualiza que “nas bibliotecas si que había bastante afluencia de estudantes”. Con todo, García considera que “o seguimento da folga foi do 60%, aproximadamente”. A este respecto, Iago Varela, responsable do CAF na Universidade de Vigo apunta que “nas lanzadeiras dos buses que soben ao campus puidemos comprobar que ían un 70% máis baleiros do habitual”.
Os actos de protesta incluíron unha concentración diante da EUET Industrial e a posterior manifestación, á que se uniron os estudantes de ensino medio. Tras recorrer varias rúas da cidade olívica, a Praza da Independencia foi o punto no que Varela leu, de modo conxunto cos Comités Abertos de Estudantes, un manifesto para reclamar a supresión das probas de selectividade e a paralización da suba das taxas académicas.
A valoración que dende o CAF se fai desta manifestación é positiva, posto que “a pesar da choiva, a resposta foi bastante boa. Era o que esperábamos”, segundo palabras de Xavier García.

As reivindicacións

“O próximo vai ser o sétimo ano no que a Consellería de Educación sube as taxas por encima do IPC. Esta situación resulta intolerable, polo que reclamamos o estancamento dos prezos de matrícula e unha remodelación do sistema de financiamento universitario para facilitar o acceso ao ensino superior e combater as consecuencias nocivas do proceso de Boloña”. Así explica Iago Varela os motivos que levaron ao comité estudantil ao que representa a convocar esta xornada de folga. El mesmo apunta á necesidade de “renovar o sistema de bolsas para que se poidan cobrar ao inicio do curso, e non ao final como está sucedendo actualmente”.
Outra das reivindicacións dos CAF é a supresión da proba de selectividade, xa que a consideran “absolutamente vergoñenta, tanto para o estudante como para o sistema educativo”, tal como explica Varela no seu manifesto.

Campus de Pontevedra

Pola súa banda, o campus de Pontevedra sumouse á folga “de xeito masivo”, tal como afirma Alberte Mera, responsable dos CAF na cidade do Lérez, que manifesta a súa satisfacción co resultado acadado e estima que “o seguimento foi dun 90-95%”.
O éxito débese en gran parte á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde totalidade dos alumnos se sumaron á convocatoria de folga, xa que “tivemos a sorte de que esta semana coincide a protesta co o acto de graduación. Ademais o venres é día non lectivo para eles”, comenta Mera. En canto ao resto de centros, “só asistiron a clase os estudantes que tiñan prácticas obrigatorias ou algún exame parcial”.

Campus de Ourense

En canto ao campus de Ourense, “a xente está moi concienciada e o seguimento da folga foi masivo”, tal como explica Susana Álvarez, representante dos CAEF, que engade que “a totalidade de estudantes do Edificio de Ferro sumáronse á folga, mentres que noutras titulacións como Enxeñería Informática houbo algúns alumnos que si acudiron as clases”.
Aínda que no recinto universitario non se realizou ningún acto de repulsa contra a suba das taxas, no centro da cidade tivo lugar unha manifestación á que “acudiron unhas 350 persoas”, segundo comenta Alexandre, responsable dos CAF en Ourense, que puntualiza que “a maioría dos presentes procedían do ensino secundario. A representación universitaria foi mínima”.

Alberto Gago defende limitar a suba pola desacelaración económica

Mentres, desde Santiago de Compostela onde participou cos seus homólogos de A Coruña e Santiago na sinatura dun convenio, o reitor da Universidade de Vigo defendeu limitar a suba das taxas das matrículas durante os próximos anos debido á desaceleración económica, de xeito que "ningún mozo con capacidade intelectual quede excluido deste nivel educativo por este motivo. Non o podemos permitir", dixo Gago.
Na súa proposta que definiu como "personal", dado que o Consello de Goberno da Universidade de Vigo non aprobou ningún pronunciamento ao respecto, Gago aboga por que no próximo bienio, cando se prevé se produza unha reactivación económica, as taxas das familias con rendas máis baixas non suban. Así mesmo e baseándose no efecto "distribuidor" que se lle atribúen ás taxas, a proposta o reitor vigués inclúe "unha suba máis do que proporcionalmente lle correspondería para as rendas máis altas".