DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns celebrouse un Consello de Campus extraordinario

Unha despedida e 13 cursos de verán aprobados

Foi o último acto presidido por María Lameiras como vicerreitora

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 28/04/2014

O Consello de Campus de Ourense celebrou este luns unha sesión extraordinaria que tivo como principal obxectivo aprobar a programación de cursos de extensión universitaria, os chamados cursos de verán, deste ano. As 13 propostas presentadas recibiron o visto bo dos representantes da comunidade universitaria e a principios de xuño comezará a programación co tradicional curso de cata de viños, augardentes e licores. Este Consello de Campus foi o último que tivo a María Lameiras como vicerreitora do campus de Ourense, xa que este martes será relevada no seu cargo polo tamén docente Virxilio Rodríguez.

Por ser o último acto que preside e por estar diante dos representates dos diferentes colectivos que forman o campus de Ourense, a ocasión foi aproveitada pola aínda vicerreitora en funcións para recoñecer e dar as grazas por toda a colaboración recibida durante os anos de mandato. Do mesmo xeito, os membros do Consello de Campus quixeron agradecer o traballo realizado e a paixón posta nel pola docente ourensá. Nos últimos días, apuntou Lameiras, xa se realizou con normalidade o traspaso do cargo e o seu desexo é, tras descansar uns días, volver a centrarse no seu traballo investigador e académico.

669 prazas para curso de verán

“Fixemos esta sesión extraordinaria ante a urxencia de aprobar os cursos de verán, que teñen que ser xa convocados, pois algúns deles está previsto que se impartan a principios de xuño”, apuntou María Lameiras, que presidiu o Consello de Campus por delegación de Salustiano Mato, reitor en funcións da Universidade de Vigo. A programación aprobada, destacou, segue a liña de todos os anos de repetir cursos que xa contan cunha longa traxectoria e cun público garantido con outras novidades que intentan atraer a atención e o interese dos membros da comunidade universitaria e dos cidadáns en xeral. En total, as 13 propostas, que se impartirán de xuño a outubro, ofrecerán 669 prazas. O número de horas oscila en cada caso entre as 30 e as 40 e o prezo varía entre os 10 e os 60 euros.

A diversidade de temáticas que abranguen estas actividades formativas é moi ampla e moi vinculada coas áreas de traballo do campus de Ourense. Durante os meses de programación repetiranse iniciativas xa celebradas con éxito en anos pasados, como o curso de Cata de viños, augardentes e licores; o de Fiscalidade sobre a renda das persoas físicas e sociedades e o de Planificación, estratexias e comportamento fiscal do contribuínte. Tamén volverán a celebrarse o obradoiro de audiovisual galego que cada ano organiza a Cátedra Carlos Casares en Celanova e que nesta ocasión cumprirá 25 anos; o de interpretación do patrimonio, que se centrará nos modelos de xestión patrimonial no noroeste peninsular a partir do exemplo limiao, e o que afonda na relación entre xestión deportiva e audiovisual, que este ano levará por título Sportinomics: leccións de cine.

Entre as novidades estarán cursos cun marcado interese polas novas tecnoloxías, como o de Ferramentas de xestión empresarial baseadas en software libre; o sobre Google Apps; un de Novas solucións e estratexias de comercio electrónico e outro de Internet das cousas, unha aproximación teorico-práctica. Por último, este ano tamén aparece na programación un obradoiro de tecnoloxía e elaboración da cervexa, outro de retos e perspectivas para a conservación do medio ambiente no século XXI e outro de didáctica da voz e do discurso.