DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado ponlle baile a clásicos do cinema como "Chicago", "Grease" ou "Pulp Fiction"

Despega CultuKata’10 coa creatividade centrada nun musical feito polos estudantes

Comeza o ciclo de conferencias con membros da axencia BS4TV e do grupo Pont-e

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 21/04/2010

O alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación fixo despegar hoxe a semana cultural que precede á celebración da súa patroa con toda a creatividade centrada nun musical protagonizado por eles mesmos. Puxéronlles coreografía e escenografía aos temas máis coñecidos de Chicago, Singin’ in the Rain, Grease, Pulp Fiction e The Rocky Horror Picture Show como cebo para chamar a atención de toda a comunidade universitaria e animala a participar nas actividades de CultuKata’10. Este revival musical serviu tamén para situar a temática deste edición: “a música no cinema e na publicidade”. Finalmente recibiron unha ovación xeneralizada dos estudantes, PAS e PDI concentrados no vestíbulo do centro con gran expectación e curiosidade.

Conferencias sobre a música na publicidade, o cinema e a radio

“Queda inaugurada CultuKata 2010”, con este grito de guerra interveu ao remate da actuación o profesor Chechu Pérez, que foi o encargado de presentar o programa de actividades.
O ciclo de conferencias dará comezo esta tarde coa presenza de Juan L. Markeda e Roberto Abreu. Son membros da pequena empresa de Pontevedra BS4TV, dedicada á creación de bandas sonoras e audios para filmes e spots publicitarios. Comezaron a súa andaina a raíz dun encargo para BMW, que trouxo novos proxectos. Explicaranlle aos asistentes as claves para levar un negocio tan específico e as principais características das composición musicais para diferentes tipos de audiovisuais.
Deseguido, a profesora Isabel Suárez expoñerá a experiencia do grupo de Facebook Pont-e, creado para a súa materia de Internet e Multimedia, para explicar a capacidade de mobilización das redes sociais. Mañá será a quenda de Óscar Suárez e Cora Peña, co directores de The Last Patrol, unha mediometraxe que fusiona o xénero bélico e o rock dos 70, inspirándose en filmes como Jesucristo Superstar. Xa a vindeira semana pechará o ciclo Juana Chouza, produtora do programa de radio Música para sentir, que combina narración, música e cortes de filmes.

Concertos e proxeccións para todos os gustos

CultuKata’10 fai tamén unha serie de propostas musicais ao longo da semana, para rematar o xoves 29 de abril cun concerto múltiple no que tocarán Belöp, Sinestesia, The Noisers, FainoTi e SoundShepard.
Para os máis cinéfilos haberá tamén un ciclo que revisa algúns musicais emblemáticos da historia do cinema. Comezará coa proxección de The last patrol, para seguir con Bailando en la oscuridad de Lars Von Trier e o famoso Cabaret de Bob Fosse con Liza Minneli. O ciclo pecharase cunha sesión interactiva da mítica The Rocky Horror Picture Show de Jim Sharman. Completan o programa catro obradoiros con profesores da facultade en torno á iluminación, a interpretación, a fotografía e a radio.
No blog da organización pode consultarse toda a información relativa ao programa, coas datas e horarios de cada sesión. Así mesmo, para saber máis da música que vai soar este ano en Santa Kata’10 a organización habilitou un MySpace propio.